Nacida en Coristanco en 1980, Lupe Blanco leva a regueifa no sangue grazas á memoria do seu bisavó, Blanco de Muiñoseco, considerado o “padriño” da
regueifa en Bergantiños. A través do proxecto Regueifandopolavida, nas redes sociais, conseguiu dar visibilidade a esta arte en toda Galicia. Desde 2017 participa en Enreguéifate e Regueifesta como formadora, e en 2023 puxo en marcha a primeira escola municipal de regueifa no Concello de Carballo.
O seu traballo levouna a actuar en festivais dentro e fóra de Galicia
(de Málaga a Berlín, e incluso Cuba), sempre cunha voz propia e unha capacidade innata para improvisar. Foi recoñecida como mellor regueifeira de Galicia durante tres anos consecutivos e converteuse na primeira persoa en dedicarse profesionalmente a esta disciplina, facendo dela non só unha expresión cultural viva, senón tamén un camiño vital e unha aposta de futuro.





