Creado no ano 1984, o CDG (Centro Dramático Galego) é a unidade da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) dedicada á produción e distribución de espectáculos teatrais, así como un referente e un apoio para a creación dramática galega.
O CDG ten como obxectivo a realización dunha programación escénica que faga posible que o público galego teña unha visión completa do panorama dramático contemporáneo. Ademais, o CDG encárgase da xestión do Salón Teatro de Santiago, único espazo de exhibición escénica de titularidade exclusiva da Xunta de Galicia e no que a compañía pública desenvolve desde 1999 un amplo período de representacións con cada un dos seus novos espectáculos.