Abraham Cupeiro (Sarria, 1980) é un músico coa orella posta en moitos lugares e momentos do mundo. Estudou trompeta no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, ten un mestrado en Interpretación da Música Antiga (Universitat Autònoma de Barcelona) e destaca pola recuperación de instrumentos perdidos na historia que agora incorpora en músicas de distinto tipo.
Desde sempre atraído por todo tipo de estilos ten participado en grupos de folk, jazz ou música antiga e sobresae por ser un dos poucos instrumentistas que tocan o Karnyx (trompeta celta da Idade de Ferro). Na súa lista de curiosidades suma outra moi galega, pois é impulsor da corna, un instrumento ancestral da nosa tradición que xa tocaba o seu avó. Na súa colección persoal conta con máis de 200 instrumentos de distintas épocas e partes do mundo que dá a coñecer no seu espectáculo “Resoando no Pasado”.
Entre os seus traballos musicais destacan ‘Compromiscuo’ (xunto co acordeonista Vadzim Yukhnevich) ou algunhas obras escritas para él como o Concerto Misterio de Wladimir Rosinsky coa Orquestra Sinfónica de Galicia. Nesa liña tamén se inclúe ‘Os sons esquecidos’, un traballo rexistrado coa Real Filharmonía de Galicia. Máis recentemente gravou un dos seus últimos proxectos, ‘Pangea’, xunto coa Royal Philarmonic de Londres nos estudios Abbey Road para o selo Warner Classics. No verán do 2023 foi un dos convidados ao festival Castelo Conta, onde impresionou a boa parte dos asistentes cunha mostra dos seus instrumentos.