Presentamos o último espectáculo de Abraham Cupeiro

En 'Resoando no pasado', o músico sarriao guíanos nunha fascinante viaxe pola historia da humanidade a través dos instrumentos musicais. As xira de presentación arrinca no mes de xaneiro en Vigo. As entradas xa están á venda.

Abraham Cupeiro lévanos de viaxe coa súa colección de instrumentos. Foto: Victor Formoselle

Botando man da súa colección de instrumentos milenarios, Abraham Cupeiro lévanos de viaxe pola historia da humanidade en ‘Resoando no pasado‘. Este espectáculo mestura o talento como contador de historias de Cupeiro co coñecemento que ten da evolución e da creación dos instrumentos durante as diferentes idades da historia da humanidade.

Desde as frautas máis básicas feitas con canas polos pastores até os instrumentos de guerra dos bretóns, romanos, gregos… Acompañado dunha ampla colección de instrumentos, algúns adquiridos en diferentes viaxes polo mundo e outros construídos por el mesmo, somerxe ao público na fascinante historia da evolución do ser humano, que foi sempre aparellada da evolución dos instrumentos e as músicas que con eles se crean.

Así, podemos escoitar o Carnyx e transportarnos ás batallas entre os pobos galos e as lexións romanas, viaxar á desaparecida Pompeia, imaxinar a vida dos pastores das primeiras idades ou ver, de primeira man, como se constrúe unha frauta cunha palla seca.

Abraham Cupeiro é un músico que tocou coas orquestras máis importantes de Europa e en auditorios e teatros de todo o mundo, pero tamén é un excelente contador de historias que combina a súa mestría e sabedoría musical coa habilidade de transmitir con humor todo o saber acumulado. ‘Resoando no pasado’ non é nin un concerto nin unha contada, é un híbrido das dúas cousas feito co cariño e a gracia de quen vive a súa vida a través dos sons e das músicas.

Así será esta xira de presentación

O espectáculo pasará por Vigo e A Coruña nesta primeira parte do ano. As entradas xa están á venda a través da plataforma Ataquilla.

    Artigo anterior
    O roubo do Códice Calixtino regresa aos teatros
    Artigo seguinte
    Así foi o 2023: todo un ano de festa

    NOTICIAS RELACIONADAS

    Portada » Caderno » Presentamos o último espectáculo de Abraham Cupeiro