‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A cuarta parada do proxecto itinerante reunirá persoas e iniciativas locais para compartir coñecementos, creación e expresións culturais vinculadas ao territorio. Tras esta fin de semana, a ruta rematará en Boqueixón os días 30 e 31 de outubro.
A Lacena Pequena continúa o seu percorrido por Galicia cunha nova parada en Portas, onde este sábado, 24 de outubro, desenvolverá unha programación arredor dos saberes tradicionais, os oficios artesanais e a creación artística. A Fábrica da Azucreira será o escenario dunha tarde que combinará demostracións prácticas, poesía e música, con participación de persoas e colectivos da localidade.
A actividade comezará ás 16.00 h coa apertura da Lacena Pequena. Unha hora despois, ás 17.00 h, a Asociación de Mulleres Rurais de Portas presentará o seu traballo nun encontro que permitirá coñecer as actividades que desenvolve ao longo do ano. A entidade amosará pezas de cestería e outros resultados dos seus cursos, nunha proposta que servirá para dar visibilidade aos coñecementos e ás iniciativas que mantén en funcionamento.
Ás 17.30 h, Lourdes Blanco Abal ofrecerá unha mostra de costura na que explicará o proceso de confección paso a paso. A modista, recoñecida este ano como referente no marco do Día da Muller en Portas, levará unha máquina de coser antiga e elaborará un patrón diante do público, compartindo os detalles dun oficio no que a técnica e a experiencia teñen un papel fundamental.
A programación continuará ás 18.00 h con O traballo dun torneiro, unha demostración a cargo de Álvaro Díez Rodríguez. A través dunha máquina de tornería, realizará unha peza artesanal para achegar ao público o funcionamento deste oficio e o proceso de transformación dos materiais.
A poesía terá o seu espazo ás 18.30 h co recital Poesía en Outono, da escritora Susana Antón Mandayo, que recitará algúns dos seus poemas e conversará arredor da súa obra. A xornada pecharase ás 19.15 h cun pequeno concerto da Banda Infantil da Escola de Música de Portas, que poñerá música ao final desta cuarta parada.
A programación de Portas volve poñer o foco nas persoas, os coñecementos e as iniciativas que forman parte da vida cultural de cada localidade. A través de demostracións, encontros e actuacións, A Lacena Pequena propón un espazo para compartir saberes e achegar diferentes expresións culturais á comunidade.
A última parada, en Boqueixón
Despois de pasar por Vedra, A Rúa, Triacastela e Portas, A Lacena Pequena rematará o seu primeiro percorrido en Boqueixón os días 30 e 31 de outubro. Esta última parada completará a ruta por cinco localidades galegas de menos de 5.000 habitantes vinculadas aos Camiños de Santiago, cunha programación adaptada ás características de cada territorio.
O proxecto, promovido por Ainé e E-ló? D Arquitectura e impulsado pola Xunta de Galicia ao abeiro do programa ‘O Teu Xacobeo’, transforma un contedor marítimo reciclado nun espazo cultural móbil capaz de acoller propostas de música, artes escénicas, exposicións, obradoiros e divulgación do patrimonio. A iniciativa busca facilitar o acceso á cultura e favorecer o encontro entre a creación artística, as comunidades locais e as expresións culturais propias de cada lugar.
Toda a información sobre o proxecto e as próximas actividades pode consultarse en alacenapequena.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.



