Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce

A produtora súmase á WordCamp Galicia 2026, o encontro da comunidade WordPress que chega por primeira vez á Coruña. A cita reunirá profesionais e persoas usuarias arredor do desenvolvemento web, o software libre e a creación dixital, cun programa de relatorios, obradoiros e actividades colaborativas.

Encontro da WordCamp Europe 2025

Ainé será unha das entidades colaboradoras da WordCamp Galicia 2026, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. A produtora participa como patrocinadora na categoría bronce, nunha colaboración vinculada ao uso habitual de WordPress nas webs dos seus espectáculos, producións e proxectos, así como en distintos procesos internos.

As WordCamps son encontros organizados polas comunidades locais de WordPress en diferentes lugares do mundo para compartir coñecementos, intercambiar experiencias e contribuír ao desenvolvemento desta ferramenta. A edición galega deste ano será a primeira que terá lugar na Coruña, despois das anteriores edicións vinculadas a Pontevedra.

WordPress é o sistema de xestión de contidos máis utilizado na web e un proxecto de software libre e de código aberto que permite que persoas e organizacións de todo o mundo poidan utilizalo, adaptalo e contribuír á súa mellora. Esta dimensión colaborativa está na base das WordCamps, que funcionan como espazos de encontro para profesionais, persoas desenvolvedoras de programas e usuarias interesadas en compartir coñecementos e explorar novas posibilidades arredor da creación dixital.

A programación da WordCamp Galicia 2026 desenvolverase na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña e reunirá especialistas en WordPress e outras disciplinas relacionadas co mundo dixital. A xornada do sábado incluirá relatorios, talleres e mesas arredor de cuestións como a intelixencia artificial, a accesibilidade, o comercio electrónico, o código aberto ou os sistemas de distribución de contidos RSS. Precisamente sobre RSS falará Pilar Mera, profesional freelance especializada en WordPress e colaboradora habitual de Ainé nos seus proxectos web. O programa comezará o venres cun taller de iniciación a WordPress e un hackathon solidario destinado á creación dunha web para unha organización sen ánimo de lucro. Xa o domingo, o Contributor Day ofrecerá a oportunidade de colaborar directamente co proxecto a través de tarefas como a tradución de complementos ou a subtitulación de vídeos.

Para Ainé, participar nesta iniciativa é tamén unha forma de apoiar a comunidade que contribúe a manter e mellorar unha ferramenta presente no seu traballo diario. A maioría das webs dos seus espectáculos, producións e proxectos están desenvolvidas con WordPress, polo que a colaboración conecta a súa actividade profesional cun ecosistema baseado no coñecemento compartido, a participación e o desenvolvemento colectivo.

Entrada anterior
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.