‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza

A Praza do Concello acollerá as actividades a partir das 16.00 h, nunha xornada que convida a descubrir os saberes e as expresións culturais vinculadas ao Camiño de Santiago. Todas as propostas serán gratuítas e estarán abertas ao público.

'A Lacena Pequena' en Vedra. Fotografía: Laura Pose

A Lacena Pequena continúa o seu percorrido por diferentes localidades galegas e mañá, sábado 10 de outubro, instalarase na Praza do Concello de Triacastela. Esta terceira parada marca o ecuador da primeira ruta, que leva un contedor marítimo transformado nun espazo cultural móbil a pequenos núcleos de poboación. A programación adáptase a cada territorio e, nesta ocasión, combina creación artística, divulgación, gastronomía e música tradicional. A actividade comezará ás 16.00 h coa apertura da Lacena.

Ás 18.00 h terá lugar a presentación da exposición Polo camiño, de Ana Carballo, unha proposta que abrirá a programación da tarde arredor da creación e da relación coa contorna. Unha hora despois, ás 19.00 h, o antropólogo Rafael Quintía impartirá a conferencia Saberes que coidan o camiño. Paisaxe, tradición e natureza no Camiño de Santiago. A intervención abordará os coñecementos e as prácticas culturais vinculados ao territorio, así como a relación entre a paisaxe, a natureza e as tradicións que forman parte da experiencia do Camiño.

A programación continuará ás 20.15 h cunha degustación de produtos locais, na que se poderán probar embutidos, queixos e mel de La Abuela Delfina, Casa López e Mel de Lagares. Despois, a música e o baile porán o broche á xornada. Ás 20.30 h actuará o grupo de danza Magie Dance, seguido, ás 21.00 h, dos Gaiteiros de Albela, que pecharán a programación cunha actuación de música tradicional.

Todas as actividades serán de balde, dentro da vontade do proxecto de facilitar o acceso á cultura e xerar espazos de encontro arredor das iniciativas e expresións propias de cada lugar.

A programación de Triacastela continúa a dinámica de A Lacena Pequena, un proxecto promovido por Ainé e E-ló? D Arquitectura e impulsado pola Xunta de Galicia ao abeiro do programa ‘O Teu Xacobeo’.

Despois de pasar por Vedra e A Rúa, Triacastela é a terceira das cinco localidades incluídas nesta primeira ruta. O percorrido continuará en Portas os días 23 e 24 de outubro e rematará en Boqueixón os días 30 e 31 de outubro. Toda a información sobre o proxecto e as próximas paradas estará dispoñible en alacenapequena.gal.

Entrada anterior
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.