‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Dubra cunha función de balde
A función será de acceso libre ata completar o aforo, unha oportunidade para achegarse á regueifa e á improvisación oral galega a través do teatro, a música e o humor. A proposta combina divulgación e creación en directo para mostrar como esta tradición continúa viva e dialoga co presente.
O Auditorio Municipal do Val do Dubra acolle hoxe, 9 de outubro, ás 20.30 h, unha nova función de Territorio Regueifa. A entrada será de balde ata completar o aforo, co obxectivo de facilitar o acceso do público a unha proposta escénica que reivindica a palabra improvisada como parte do patrimonio cultural galego.
Dirixido por José L. Prieto e protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira, o espectáculo mestura teatro, música, humor e improvisación para percorrer a historia da regueifa, desde as súas orixes ata a súa presenza na actualidade. A través de diferentes escenas e situacións inesperadas, a proposta explora as posibilidades desta tradición oral e a súa capacidade para contar o mundo desde a retranca e a creatividade.
Cada representación constrúe unha experiencia propia, na que a palabra se crea en directo e o público forma parte do xogo escénico. Territorio Regueifa incorpora tamén reflexións sobre a evolución desta práctica e o papel das mulleres na improvisación rimada, amosando que a regueifa non é só unha tradición que se conserva, senón unha expresión cultural que segue medrando e transformándose.
A función de hoxe forma parte dunha xira que continuará durante o outono con dúas novas citas. O 6 de novembro, o espectáculo chegará ao Centro Galego de Bizkaia, en Barakaldo, na súa primeira representación fóra de Galicia. Máis adiante, o 19 de novembro, regresará aos escenarios galegos cunha función na Casa da Cultura de Bertamiráns, en Ames. As entradas para estas dúas citas estarán dispoñibles proximamente.
Desde a súa estrea absoluta en Carballo, Territorio Regueifa continúa achegando a improvisación oral a públicos e espazos diversos, combinando a forza dunha tradición popular cunha linguaxe escénica contemporánea.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



