Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’ 

A regueifa traspasa as fronteiras galegas para atoparse con novos públicos e escenarios. A través do teatro, o humor, a música e a improvisación, ‘Territorio Regueifa’ continúa amosando a vixencia dunha tradición oral que non entende de límites xeográficos.

Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Lupe Blanco na estrea de 'Territorio Regueifa'. Fotografía: Aigi Boga

Territorio Regueifa inicia esta semana unha nova etapa do seu percorrido escénico con dúas funcións en Euskadi. A primeira terá lugar este venres 6 de novembro no Centro Galego de Bizkaia, en Barakaldo, ás 20.45 h, e o domingo 8 o espectáculo chegará ao Casino de Laudio, ás 18.00 h.

Estas representacións supoñen a primeira saída de Galicia desde a estrea absoluta da proposta en Carballo, o pasado mes de febreiro. Un paso máis no percorrido dun espectáculo que leva a improvisación oral galega a novos contextos e públicos, demostrando a súa capacidade para conectar con persoas e territorios diversos.

Dirixido por José L. Prieto e protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira, Territorio Regueifa combina teatro, música, humor e creación en directo para achegar o público ás orixes da regueifa, á súa evolución e á súa presenza na actualidade. A proposta percorre distintas escenas arredor da palabra improvisada, incorpora a participación das persoas asistentes e explora as posibilidades desta tradición oral para dialogar co presente.

A regueifa, lonxe de quedar circunscrita ao territorio no que naceu e se desenvolveu, continúa a atopar novos espazos nos que expresarse e transformarse. Estas primeiras funcións fóra de Galicia abren así unha nova vía para o percorrido do espectáculo, que sumará máis datas nos vindeiros meses.

Todas as funcións en Euskadi son de entrada libre! Máis información en territorioregueifa.gal.

Entrada anterior
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’ 
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.