‘Territorio Regueifa’ continúa o percorrido fóra de Galicia con dúas funcións en Asturias

O espectáculo chegará a Xixón e Vegadeo os días 27 e 28 de novembro, respectivamente, nunha nova parada da xira que está levando a improvisación oral galega a outros territorios.

Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Lupe Blanco na estrea de 'Territorio Regueifa'. Fotografía: Aigi Boga

Despois da súa primeira saída de Galicia, con tres funcións en Euskadi, Territorio Regueifa continúa o seu percorrido fóra do país e fará parada esta semana en Asturias. O espectáculo poderá verse en Xixón e Vegadeo, en dúas citas que achegarán a novos públicos a tradición oral galega a través do teatro, a música, o humor e a improvisación.

A primeira función terá lugar o próximo venres 27 de novembro, ás 19.30 h, no Salón de Actos do CMI El Coto, en Xixón. Ao día seguinte, sábado 28, a proposta chegará ao Auditorio da Casa da Cultura de Vegadeo (A Veiga), ás 20.30 h.

Dirixido por José L. Prieto e protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira, Territorio Regueifa constrúe unha viaxe escénica polas orixes da regueifa, a súa evolución e a súa presenza na actualidade. A través de diferentes escenas, momentos de creación en directo e xogos co público, o espectáculo combina divulgación e entretemento para amosar as posibilidades dunha tradición que continúa viva e en transformación.

Cada representación convértese nun acontecemento único, no que a improvisación, a retranca e a música crean un espazo de encontro entre o escenario e o patio de butacas. Unha proposta que reivindica a forza da palabra e a capacidade da regueifa para dialogar con novos contextos sen perder a súa raíz popular.

Tras o seu paso por Euskadi a comezos deste mes, estas dúas funcións en Asturias supoñen un novo paso na expansión do espectáculo máis alá das fronteiras galegas, ampliando os escenarios e públicos cos que compartir a improvisación oral.

As entradas teñen un prezo de 5 euros e están dispoñibles para a compra en liña a través da web oficial do espectáculo, territorioregueifa.gal.

Entrada anterior
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’ 

NOTICIAS RELACIONADAS

Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’ 

O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.

Portada » Caderno » ‘Territorio Regueifa’ continúa o percorrido fóra de Galicia con dúas funcións en Asturias
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.