O roubo do Códice Calixtino regresa aos teatros
Logo do éxito das funcións anteriores, 'Códice K' regresa á Coruña e Santiago de Compostela a comezos de 2024. As entradas xa están á venda en codicek.gal e na web de Ataquilla.
Co inicio do ano, Códice K volve saír de xira. O espectáculo dirixido por Tito Asorey estreouse o pasado marzo en Compostela, a cidade que viviu de preto a desaparición do prezado manuscrito, e fixo rir ao público que ateigou o Teatro Principal nas dúas funcións programadas. Regresa agora á capital galega, pero desta volta o escenario será o Auditorio de Galicia, cunha función prevista para o 9 de febreiro.
Logo de pasar por diferentes vilas e cidades, o espectáculo chegou no outono á Coruña enchendo o Teatro Colón. O 19 de xaneiro haberá unha nova posibilidade para descubrir todos os segredos que ocultou un dos casos máis rocambolescos da nosa historia recente.
Códice K é un texto de Manuel Cortés que revisita o máis grande “true crime” de Galicia pero faino coa visión das mulleres que rodearon a historia real, na que só semellaba haber homes: o electricista, o deán, o arcebispo, o xuíz… Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón métense na pel de múltiples personaxes femininas para contar todo o que nunca se contou deste caso. Ás catro actrices acompáñaas sobre o escenario a dj e produtora Russ, que achega á peza unha trepidante ambientación musical.
Todas as datas
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán presenta ‘Moi Animal’, o seu novo monólogo
O humorista estrea unha nova proposta escénica arredor da nosa relación cos animais e das contradicións da especie humana. A xira comezará en outubro e percorrerá once localidades galegas.
A Coruña acolle a programación do Noroestiño, a proposta familiar do 39º Festival Noroeste Estrella Galicia
A programación infantil do Festival Noroeste Estrella Galicia volverá aos Xardíns de Méndez Núñez do 5 ao 9 de agosto con sete propostas de música e artes escénicas para público familiar.
Xa á venda as entradas para a función especial de ‘Amoriños’ no Festival Noroeste Estrella Galicia
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo chega o vindeiro 9 de agosto ao Parque de Santa Margarida cunha función especial dentro da 39º edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. As entradas xa están dispoñibles.



