A historia que nos contaron sobre o roubo do Códice Calixtino é de sobra coñecida. Pouco máis de dez anos despois, descubrimos a historia extraoficial que Galicia necesitaba. Códice K estreouse en Compostela, a cidade que viviu de preto a desaparición do preza manuscrito, e fixo rir a un público entregado que encheu o Teatro Principal para tal ocasión.
Á estrea da nosa nova produción acudiron persoas do mundo da comunicación como Belén Regueira, Marga Pazos ou Alberto e Alba Mancebo así como da cultura, como Roberto Pascual, Sergio Zearreta, Marta Lado, Isabel Garrido, Sara Rey, Oswaldo Digón ou César Goldi. Tamén representantes públicos como o director da Agadic, Jacobo Sutil e o director do Auditorio de Galicia, Xaquín Lopez.
Códice K, baixo a dirección de Tito Asorey e con texto de Manuel Cortés, lembra o máis grande “true crime” de Galicia pero faino coa visión das mulleres que rodearon a historia real, na que só semellaba haber homes: o electricista, o deán, o arcebispo, o xuíz… Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón metéronse na pel de múltiples personaxes femininas, coa complexidade que iso supón, e conseguiron arrincar as risas do público asistente. As catro actrices estiveron acompañadas sobre o escenario pola dj e produtora Russ, que achega á peza unha exquisita e redonda ambientación musical.
A posfunción
Ao remate desta primeira función de Códice K, tivol lugar unha posfunción co equipo. O director, Tito Asorey, comezou explicando que “sempre que se estrea unha obra, algo hai perplexidade”, pero que marchaba moi contento coa reacción do público. Lucía Veiga incidiu no importante de ver por vez primeira a reacción do público “porque que rira Tito nos ensaios non era mérito. Nós tiñamos un plan perfecto na cabeza coma Manuel Castiñeiras”.
O proceso de creación de Códice K, tivo varios pasos, un dos cales foi traballar mediante a improvisación sobre textos previos, Marita Martínez comentou co público que “foi unha fantasía facer un brainstorming dos personaxes, que lles preguntariamos… foi unha parte moi chula”. Graciela Carlos engadiu que “ademais da impro tamén houbo que investigar, e pensar que faciamos nós cando desapereceu o Códice. Era importante que a realidade tivera peso nesta comedia”.
A música é un elemento moi importante nesta montaxe, Russ pon música ás escenas e achégalle un ritmo moi áxil a todo o espectáculo. Tito Asorey indicou que “sempre vin a obra como un auto sacramental, que tivera que ver co teatro medieval e relixioso. O anxo era a figura de altar, que toca a música que os demais bailan. Ten moito que ver con esa gran festa que era a Catedral nalgún momento”. O anxo neste caso é a produtora e dj compostelá que afirmou ter desfrutado e aprendido moito nesta primeira experiencia no teatro e que o proceso de creación da música tiña a finalidade de “dar un punto de presente co directo”.
O director rematou incidindo no seu gusto por facer un teatro apegado á realidade, “collendo un suceso real e convertelo en ficción, divertida e que faga pensar sobre o país que temos. Que ninguén se quixese enterar de que desapareceran 2 millóns de euros era unha historiaza”.
O resumo da estrea
Onde ver Códice K?
Trala estrea desta fin de semana en Santiago, o espectáculo ten xa varias datas pechadas: Cee (19 de agosto), Vigo (9 de setembro) e Rianxo (23 de setembro). Nas próximas semanas iremos confirmando máis datas para esta xira. Máis información en codicek.gal.