Así foi o 2023: todo un ano de festa

Máis de 50.000 espectadoras e espectadores ateigaron os teatros de todo o país para desfrutar de Aquí Tou!, Corentena, Códice K, Continente María, e as despedidas de Recortes e Somos Criminais 3. Levamos a mellor comedia por toda Galicia, e dedicamos o verán á festa que lle deu a volta á festa: o Castelo Conta.

Máis de 50.000 persoas asistiron en 2023 aos nosos espectáculos. Foto: Aigi Boga

Os anos son de intensos o equivalente ao que ocupan as carpetas de fotos de Aigi Boga que arquivamos con todo o coidado unha e outra vez. Do 2023 témolas de tantos lugares… Compostela, Ourense, O Grove, Ferrol, A Coruña… Ata de Colombia!

No mes de xaneiro rematamos a xira de Recortes, caneos e outras formas de driblar, a nosa coprodución co Centro Dramático Galego coa que subimos ao escenario as luces e as sombras do mundo do fútbol. Compartímolo cun elenco que non puido facernos a vida máis fácil. Pechamos a xira diante de máis de 3000 persoas, que encheron catro veces o Teatro Colón da Coruña.

O equipo de ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, na Coruña. Foto: Aigi Boga

Ao longo de toda a primeira parte do ano levamos a moitos lugares de Galicia o legado de María Casares a través do infinito mapa de emocións que é Continente María. Melania Cruz e Vadim Yukhnevich encheron os teatros de Carballo, Cedeira, Ames, Narón, Noia ou Pontevedra antes de viaxar a Madrid, no mes de xuño, onde protagonizamos a programación das Naves del Español en Matadero durante unha semana.

Antes, no mes de marzo, estreamos Códice K: a historia do roubo do Códice Calixtino en feminino, con Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón. O Teatro Principal de Compostela encheuse durante dous días seguidos, e a xira seguiu despois na Coruña, Negreira, Lalín, Rianxo e Vigo.

O equipo de ‘Códice K’, despois da estrea en Santiago. Foto: Aigi Boga

No mes de xuño, Somos Criminais 3 dixo adeus cunha exitosísima segunda xira na que Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán analizaron co seu brillo habitual a forma de ser das galegas e galegos. Foi tamén o Teatro Colón da Coruña, e tamén nunha cuádrupla función con todo vendido, onde puxeron o punto e final a esta nova entrega da saga máis exitosa da historia do teatro galego.

Touriñán percorreu o país co seu monólogo, Aquí Tou!, unha sorte de autobiografía sobre a que ninguén acerta a saber o que é certo e o que non, pero que atopa a mesma reacción do público en todos os lugares. Antes do verán a xira levounos a localidades menos habituáis nas grandes xiras, como O Grove, Burela, Ponteareas, Catoira, Noia ou Vilalba, e polo outono enchemos os teatros catro veces na Coruña e dúas en Vigo.

‘Aquí Tou!’ comezou a súa xira no 2023 no Grove. Foto: Aigi Boga

E paseniño, fomos lembrando os tempos nos que Perdomo e Touri ocupaban as axendas de media Galicia ás once da noite para esquecer a pandemia. Corentena comezou nos bares, cunha discreta pero exitosa xira na primavera, e estalou como o gran éxito da temporada desde outubro, chegando a cifras de público nos teatros de auténtico record. En Narón, por exemplo, non se recordaba outra ocasión na que un espectáculo fora quen de encher o Pazo da Cultura catro veces en dous días.

David Perdomo e Xosé A. Touriñán protagonizaron o éxito da temporada: ‘Corentena’. Foto: Aigi Boga

Polo verán, a festa deulle outra vez a volta á festa. O festival Castelo Conta fixo do pobo de Touriñán, en Culleredo, a gran capital da cultura no rural durante toda unha semana, na que os grandes nomes da escena e a música pasaron polos escenarios improvisados instalados nas eiras das veciñas e veciños de Castelo. O mérito, todo, das decenas de voluntarias e voluntarios, aos que nos unimos felices cada última semana do mes de agosto nunha iniciativa sen ánimo de lucro, respectuosa co entorno, coidadosa no xeito de facer, e comprometida co valor que a tradición oral aporta á cultura deste país.

O Castelo Conta acolleu a estrea da curtametraxe ‘Nena’. Foto: Aigi Boga

Entre tanto, pagamos outra vez as abusivas peaxes da AP-9 acompañando ás mellores cómicas e cómicos a decenas de espectáculos nun lote de concellos. Propostas cómico-musicais como Elemental, monólogos como os de Pepo Suevos, David Perdomo ou Carmen Méndez, pregóns con Touri, e proxectos que veñen de lonxe, como o espectáculo de comedia que organizamos cada ano para os clientes de R. Tamén eventos privados de empresas que apostan pola comedia para as súas celebracións.

Rematamos o ano pechando a xira estatal de Continente María, en Valladolid, Alcorcón, Madrid e Candás, en Asturias, despois de visitar Soria en outubro, e viaxar da man doutras catro compañías galegas aos festivais de teatro de Manizales e Medellín, en Colombia, na que foi unha das grandes experiencias do ano.

Vadim Yukhnevich, Melania Cruz e Tito Asorey, en Bogotá. Foto: Aigi Boga

E mentres todo isto pasaba sobre as táboas e nas estradas, na oficina esforzámonos por seguir transformando o noso xeito de facer: ao longo do ano avanzamos no plan estratéxico de modernización que os Fondos Europeos xestionados polo Ministerio de Cultura nos permitiron afrontar, incorporamos unha ferramenta de análise do noso público financiada pola Xunta de Galicia, rematamos a implantación dun plan de innovación a través do deseño, e traballamos para conseguir, nos primeiros meses do 2023, as certificacións ISO 9001 e 14001, de calidade e xestión medioambiental.

Tamén conseguimos o apoio de diferentes administracións para un proxecto de implantación de solucións que favorezan a economía circular, e outro co que no novo ano introduciremos nos nosos procesos unha ferramenta tecnolóxica inédita, pensada ademais para compartir con todo o sector.

Editamos dous novos números de Táboas, a nosa revista, da que estreamos versión dixital xusto antes do verán, e que agora complementamos cun envío mensual por correo electrónico, ao que sempre é boa idea subscribirse.

No mes de agosto publicamos o terceiro número da revista ‘Táboas’. Foto: Aigi Boga

Fixémolo moitas e moitos: Carlos no traballo de contratación, Laura aos mandos da produción coa axuda de Miguel, Manu, Laura, Claudia, Sara, Martín, Paco, Alicia, Lucas, Hugo e Andrés, con Sofía e Marta na administración, con Saúl, Noelia, Carlota, Amara, Claudia e Borja na comunicación e os contidos, con Pilar no traballo dixital, Laura no deseño, e Elisa coidando de todas, de todos, dos números, e de que o traballo saia sempre ben.

Completaron o noso equipo no 2023 moitas amigas e amigos: Jairo, Aigi, Iria, Santi, Iván, Manel, Andy, todo o equipo de Sonpress, o de Metronoventa, e unha chea de xente que nos axudou a facer todo o que fixemos.

Que siga a festa.

Artigo anterior
Presentamos o último espectáculo de Abraham Cupeiro
Artigo seguinte
Comezamos o ano nos teatros!

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Así foi o 2023: todo un ano de festa