Abrimos unha nova función de ‘Aquí Tou!’ na Coruña ante a gran demanda de público
As entradas para as funcións de outubro no Colón esgotáronse nunha semana. O auditorio de Palexco acollerá este novo pase do monólogo de Touriñán.
Logo dunha xira por Galicia que o levou por diferentes vilas e cidades de Galicia, ‘Aquí Tou!’ chega neste mes de outubro á Coruña e Vigo. O pasado día 25 de setembro poñíanse á venda as entradas para estas dúas datas, no Teatro Colón e o Teatro Afundación, e unha semana máis tarde, as entradas para o teatro coruñés xa estaban esgotadas. Máis de 2.200 persoas xa teñen as súas entradas para estas dúas datas do último monólogo de Xosé A. Touriñán.
Ante esta gran demanda por parte do público, abrimos unha nova función na Coruña, nesta ocasión no Auditorio de Palexco, con capacidade para preto de 1.300 espectadores. As entradas xa están á venda en aquitou.gal e na páxina web de Ataquilla, onde aínda quedan tamén entradas dispoñibles para as funcións de Vigo.
En ‘Aquí Tou!‘, Touriñán repasa a súa vida e intenta explicar como é que chegou a ser quen é na actualidade. Neste espectáculo, o cómico cullerdense xoga con coa realidade e as cousas que igual non son de todo mentira para construír unha historia na que o principio de rir dun mesmo para rir do resto das cousas da vida é o eixo fundamental.
Gran resposta a ‘Corentena’
Neste outono, Xosé A. Touriñán tamén estará xirando polos teatros xunto a David Perdomo con ‘Corentena‘, un espectáculo no que levan ao directo as conversas e personaxes que naceron nos días de confinamento de 2020. As entradas para A Coruña e Pontevedra da xira deste novo show están a piques de esgotarse e xa tiveron que abrirse novas funcións en Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela.
Toda a información, datas e venda de entradas están dispoñible en corentena.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



