Xosé A. Touriñán continúa xirando co seu monólogo ‘Aquí Tou!’, un espectáculo no que o cómico repasa algúns dos acontecementos que na súa vida fixeron que chegara a ser como é. Despois de pasar por distintas vilas galegas na primavera deste 2023, Touriñán leva agora o seu monólogo á Coruña e Vigo, Dende o inicio da xira, máis de 6.000 espectadores gozaron con este monólogo.
A primeira parada deste percorrido será no Teatro Colón da Coruña, o día 14 de outubro. Logo, ‘Aquí Tou!’ viaxará ata o Teatro Afundación de Vigo, onde estará o 21 de outubro. As entradas para estas funcións están á venda en aquitou.gal e na páxina web de Ataquilla.
En ‘Aquí Tou!’ Touriñán fai un percorrido pola súa vida, desde a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Momentos chave do seu camiño vital cos que, como galegos, nos sentimos identificados. Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touriñán lévanos da man pola súa vida cun monólogo no que inclúe a serie de boas e malas decisións que, xunto cos feitos casuais, o levaron a ser que hoxe é.
Novos pases de Corentena
Neste outono, Touriñán tamén estará nos teatros xunto a David Perdomo con ‘Corentena‘, un espectáculo con moita improvisación e interacción co público, nacido daquelas conversas a través de Instagram en tempos de confinamento. Ante a gran resposta do público, que esgotou varias das funcións lanzadas inicialmente, esta semana puxéronse á venda novos pases para A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela.
Na web do espectáculo podes consultar todas as datas e mercar as entradas para esta primeira xira polos teatros galegos.