Unha ponte teatral con ‘Corentena’ e ‘Aquí Tou!’
O espectáculo de Touriñán e Perdomo fai parada o xoves en Ourense e o venres en Lugo. 'Aquí Tou!' chega ao Teatro Colón coas entradas esgotadas desde hai semanas.
Outubro está sendo inusualmente caloroso, mais a programación teatral segue ofrecendo, como vén sendo habitual, un lote de ofertas nas cidades e vilas galegas. Esta semana da primeira ponte do outono, David Perdomo e Xosé A. Touriñán levan a súa ‘Corentena‘ a Ourense e Lugo e o sábado, Touriñán xoga na casa presentando ‘Aquí Tou!‘ no Teatro Colón.
‘Corentena‘ arricaba a súa xira polos teatros galegos esta pasada fin de semana con dúas funcións cheas no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra. Agora viaxa ao interior facendo parada o xoves 12 no Auditorio Municipal de Ourense con dúas funcións programadas, ás 17.30 e ás 20.00 horas. Ao día seguinte, os dous cómicos visitan o Gustavo Freire de Lugo con outras dúas funcións, ás 20.30 e ás 23.00 horas.
O sábado, o Teatro Colón acolle a primeira función de ‘Aquí Tou!‘ na Coruña. O monólogo de Touriñán percorreu diferentes vilas e cidades galegas pero ata o de agora nunca fixera parada na casa. As dúas sesións programadas no teatro coruñés esgotaron as entradas en menos de 3 días, polo que Touriñán repetirá na Coruña no mes de novembro, desa volta no Auditorio de Palexco.
Un mes de outubro moi intenso
A semana seguinte, os dous espectáculos continuarán as súas xiras, cunha dobre función de ‘Corentena’ o día 20 en Vilagarcía de Arousa e dous novos pases de ‘Aquí Tou!’ en Vigo, no Teatro Afundación. As entradas están á venda en corentena.gal e aquitou.gal respectivamente.
Pola súa banda, ‘Continente María‘ fará parada o sábado 14 en Soria antes de partir cara Colombia para participar nos festivais de Manizales e San Ignacio e ‘Códice K‘ estará día 20 nunha nova edición do Outono Teatral de Carral.
NOTICIAS RELACIONADAS
Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
A páxina recompila toda a información profesional do actor, director e produtor nun espazo renovado, accesible e estruturado arredor da súa traxectoria, proxectos e actividade actual.
A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
O espectáculo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia cun calendario que segue incorporando funcións ao longo de 2026 e comezos de 2027.
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.



