Desde a súa estrea en 2022, ano no que se conmemoraba o centenario do nacemento de María Casares, Continente María percorre Galicia achegando ao público o universo da actriz galega máis internacional. O ano pasado, a peza teatral ampliou o seu propio mapa viaxando a París en colaboración coa Embaixada Española en Francia, no marco da homenaxe a esta enorme figura do teatro, símbolo do exilio e do republicanismo.
Neste 2023 o espectáculo cruzará as fronteiras do noso continente físico para viaxar a América. Así, Continente María visitará o vindeiro outono Colombia, onde Galicia e as súas artes escénicas son as convidadas especiais na 55ª edición do Festival Internacional de Teatro de Manizales, que terá lugar do 21 ao 28 de outubro. O espectáculo de Ainé e A Quinta do Cuadrante estará acompañado doutras catro producións das compañías Elefante Elegante, Pista Catro, Ibuprofeno Teatro e Fran Sieira Danza, seleccionadas pola propia organización do certame. A Xunta de Galicia, a través da Agadic, colabora con esta recoñecida mostra, a más antiga das que se celebran en Iberoamérica, co obxectivo de proxectar a cultura galega no exterior. Ademais, Continente María tamén se representará no Festival Teatro y Música Comfama San Ignacio, en Medellín.
Unha viaxe seguindo os pasos de María Casares
Antes de atravesar o Atlántico, Continente María continuará a súa viaxe por Galicia. Esta última fin de semana de marzo haberá dúas funcións. O venres 24 de marzo, ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames) e o sábado, 25 de marzo, ás 20:30 horas no Teatro Coliseo Noela de Noia. No mes de abril, o espectáculo estará no Teatro Principal de Pontevedra e en xuño, fará unha estancia nas Naves del Español en Matadero, en Madrid. As entradas para todas as citas están á venda en continentemaria.gal.
O espectáculo suma cinco candidaturas aos Premios María Casares 2023: mellor actriz (Melania Cruz), mellor dirección (Tito Asorey), mellor espazo sonoro (Vadim Yukhnevich), mellor iluminación (Laura Iturralde) e mellor texto orixinal (Marianella Morena). Os gañadores coñeceranse o próximo día 30 de marzo na gala de entrega dos premios organizados pola Asociación de Actrices e Actores de Galicia.