Carlos Blanco e Touriñán pechan a xira de ‘Somos Criminais 3’ superando os 100.000 espectadores desde 2018

As catro funcións cheas desta fin de semana na Coruña puxeron o punto e final á enésima ruta por Galicia do espectáculo que superou todos os récords de público no teatro galego. En cinco anos, Carlos Blanco e Touriñán fixeron 138 funcións en 23 localidades galegas diferentes.

Carlos Blanco e Touriñán pecharon na Coruña a segunda xira de 'Somos Criminais 3'. Foto: Aigi Boga

Con fogos artificiais e o ‘Stamp on the Ground’ dos Italo Brothers -todo un himno para a afección do Dépor- rematou na Coruña a cuarta xira de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán xuntos sobre os escenarios. Os máis de 3.000 espectadores desta fin de semana no Teatro Colón levan a ‘Somos Criminais’, na suma das súas dúas edicións, a superar os 100.000 espectadores.

En Vigo comezara o pasado 17 de marzo esta nova ruta do espectáculo polas grandes cidades galegas: Santiago, Pontevedra, Ourense, Narón, Ferrol, Lugo, Vilagarcía, e o fin de festa na Coruña completaron, con máis de 15.000 entradas vendidas, esta segunda volta de ‘Somos Criminais 3’, que Ainé e Condetrespés estrearan no outono do 2021 na Illa de Arousa.

Desde o 2018, Carlos Blanco e Touriñán actuaron xuntos en 23 localidades de toda Galicia. Un total de 138 funcións entre as que destacan os datos na Coruña (18.500 espectadores) ou Vigo (13.400 espectadores). Polo medio, a crise sanitaria provocada pola pandemia: en decembro do 2020, ‘Somos Criminais’ foi un dos primeiros espectáculos en celebrarse con todas as medidas de protección no recinto de Palexco (A Coruña), cunha gran resposta do público ao chamamento do sector cultural para a volta dos eventos en vivo.

Antes, en xuño do 2020, máis de 3.000 usuarios gozaron de ‘Somos Criminais’ na primeira experiencia en Galicia dun espectáculo non gratuíto a través das pantallas. O filme, dirixido por Jairo Iglesias, chegou despois a todo o público en formato USB, que co apoio de Deleite, foi distribuído de balde entre todas as residencias de maiores do país.

Carlos Blanco e Touriñán abriron as portas dos teatros a milleiros de novos espectadores nestes últimos cinco anos, que repetiron despois noutros espectáculos de Ainé como ‘Fariña’, ‘Unha noite na praia’ ou ‘Recortes’. Ao superar a cifra dos 100.000 espectadores, ‘Somos Criminais’ consolídase como o gran fenómeno social e cultural das artes escénicas en Galicia das últimas décadas.

Artigo anterior
Xa temos as datas da xira de ‘Códice K’ por Galicia
Artigo seguinte
Touriñán leva o monólogo ‘Aquí Tou!’ ao festival Ultreia et Suseia de Sarria

NOTICIAS RELACIONADAS

Somos Criminais e punto final

Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán poñen o punto final a un dos proxectos máis exitosos do teatro galego cun novo espectáculo de ‘Somos Criminais’.

Portada » Caderno » Carlos Blanco e Touriñán pechan a xira de ‘Somos Criminais 3’ superando os 100.000 espectadores desde 2018