Comeza a aventura americana de ‘Continente María’
Bogotá é a primeira parada desta xira por Colombia, na que as artes escénicas galegas son as convidadas do Festival de Manizales na súa 55º edición.
O equipo do espectáculo chegou a terras colombianas para realizar catro funcións como parte do programa do Festival Internacional de Teatro de Bogotá, o Festival Internacional de Teatro de Manizales e o Festival San Ignacio Comfama de Medellín.
Na tarde do xoves, Melania Cruz e Vadim Yukhnevich xa probaban sobre as táboas do Teatro Colsubsidio de Bogotá. O escenario da capital colombiana acolle hoxe, venres 20, a estrea americana de ‘Continente María‘, que será o espectáculo inaugural desta primeira edición do Festival Internacional de Teatro de Bogotá; que conta con propostas da Arxentina, México, Uruguai e Portugal.
Nesta primeira toma de contacto xa se puido comprobar a marabillosa acústica do teatro bogotano. As táboas sobre as que actuaron grandes nomes como Cesária Évora ou Armando Manzanero, presenciarán hoxe, ás 19.30 horas (2.30 h na hora galega), o regreso aos escenarios americanos da gran María Casares. Tras os últimos axustes por parte de Tito Asorey, director do espectáculo, xa está todo listo para que o público de Bogotá se somerxa nesta viaxe polo legado escénico e vital de María Casares.

O teatro galego de viaxe por Colombia
Logo da estrea desta noite, o equipo dirixido por Tito Asorey viaxa ata Manizales onde o domingo 22 ofrecerá dúas funcións no festival máis veterán de América Latina. ‘Continente María‘ forma parte da programación desta 55ª edición, que conta con Galicia como país invitado. As artes escénicas galegas estarán representadas tamén por ‘Orquestra de malabares’, de Pistacatro; ‘Alma de tigre’, de Elefante Elegante; ‘O mel non caduca’, de Ibuprofeno Teatro e ‘Demente’, de Fran Sieira.
A seguinte parada será o Festival San Ignacio Comfama, onde ‘Continente María’ fará unha función no Patio do Claustro San Ignacio, en pleno corazón de Medellín, o 1 de novembro.
Esta representación galega nos festivais de Manizales e Medellín conta co patrocinio da Xunta de Galicia. Así mesmo, a xira por Colombia conta co apoio do Ministerio de Cultura a través do INAEM.
NOTICIAS RELACIONADAS
Lamatumbá gaña o Premio Martín Códax da Música na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena
A banda ourensá vén de ser recoñecida na XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, nun momento marcado polo regreso aos escenarios coa proposta ‘LAMATUMBÁ… E XA ESTÁ!’.
‘Amoriños’ despídese na Coruña cunha intensa fin de semana de seis funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo chega ao seu gran peche de xira no Teatro Colón. Entre o 5 e o 7 de xuño ofrecerán seis funcións, das que só queda dispoñibilidade para a derradeira sesión do domingo ás 20.30.
‘Amoriños’ encara a súa recta final cunha intensa fin de semana en Pontevedra
O espectáculo de Touriñán e Perdomo entra no último tramo da súa xira de primavera tras máis de dous meses de funcións por Galicia.



