Outra semana de moito teatro
Logo do éxito de púbicos desta pasada fin de semana, afrontamos outra semana cos teatros ateigados e novos retos
A pasada fin de semana, Xosé A. Touriñán e David Perdomo encheron as funcións de ‘Corentena‘, o xoves en Ourense e o venres en Lugo. Non quedaba nin unha soa entrada á venda para as catro funcións que ofreceron no Auditorio Municipal e no Gustavo Freire. O sábado, Touriñán enchía por partida dobre o Teatro Colón da Coruña coa presentación na casa do seu monólogo ‘Aquí Tou!‘. Foi tan grande a resposta do público coruñés que abrimos unha nova función en novembro, neste caso no Auditorio Palexco, para a cal están xa a piques de esgotarse tamén as entradas.
Esta fin de semana hai outra oportunidade de ver ‘Aquí Tou!‘ no Teatro Afundación de Vigo. As últimas entradas para as dúas funcións programadas para o sábado 21 están á venda en aquitou.gal e na web de Ataquilla. Pola súa banda, ‘Corentena‘ viaxa este venres, día 20, a Vilagarcía, onde as entradas tamén están practicamente esgotadas desde fai días.
O venres, Carral acolle unha nova función de ‘Códice K‘. O espectáculo sobre o roubo do Códice Calixtino forma parte da programación do ciclo Teatro de Outono, que se celebra no Local Xente Nova de Tabeaio.

Continente María viaxa a Colombia
O venres 20, o Teatro Colsubsidio de Bogotá arrinca a programación extendida do Festival de Manizales con ‘Continente María‘. O espectáculo protagonizado por Melania Cruz e Vadim Yukhnevich forma parte da programación do 55º festival de Manizales, un dos máis relevantes de América Latina.
Despois da función na capital, ‘Continente María‘ viaxa a Manizales onde o domingo 22 fará dúas funcións no Teatro Los Fundadores. O espectáculo dirixido por Tito Asorey participará xunto con outras catro producións galegas no festival, onde Galicia é o pais invitado.
O periplo colombiano rematará o 1 de novembro en Medellín, onde formará parte da programación do Festival de San Ignacio.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



