A festa que lle deu a volta á festa volve convidarnos desde este luns 21 de agosto ata o domingo 27 a unha semana enteira de comedia, tradición oral, música e natureza. O Castelo Conta naceu ao pé do Monte Xalo dunhas festas patronais, como tantas das que se desfrutan en Galicia, para tornar nun festival no que celebrar o noso patrimonio cultural e natural. O director non é outro que o veciño da parroquia Xosé A. Touriñán, quen tamén subirá ao escenario para representar xunto a David Perdomo Corentena ou para conducir a Noite dos Monólogos, que contará con David Amor, Pepo Suevos, Lucía Veiga, Marita Martínez, David Perdomo, Federico Pérez, Noemi Rodríguez, Patricia Castrillón ou Rober Bodegas.
A programación musical traerá ata Castelo durante toda a semana a Xabier Díaz, Familia Caamagno, Susana Seivane, Belém Tajes ou DJ Russ; porque nesta festa todo atopa o seu lugar para facer medrar a tradición que vén de atrás máis, tamén, toda a diversión que vén por diante. A música tamén será a protagonista na fin de semana. A noite do venres, Xoel López e o Combo Viramundo abrirán a fin de semana, seguidos de Muchachito One Man Band e Lamatumbá. O sábado, día grande das festas, vén marcado no calendario por ser o da Noite dos Monólogos, que rematará co concerto de Salamandra e, xa despois, con DJ Mínimo. As entradas para ‘Corentena’, os concertos do venres e a Noite de Monólogos están á venda en casteloconta.gal e nas billeteiras do festival.
Se as artes escénicas emanan da tradición oral, en Castelo hai manantial e desembocadura. Todas as tardes de luns a venres xuntaranse os Contos de Castelo, un espazo no que escoitar ás persoas maiores e as “cousas de antes”, que sairá da parroquia en formato podcast para que poida escoitar todo o mundo. Tamén visitará Castelo Celso Sanmartín, un dos grandes contadores de Galicia, que achegará as súas historias recollidas aquí e alá. Pero a memoria oral, ademais de radiofónica, cobrará forma de documental colaborativo da man da artista Hadriana Casla, mediante unha convivencia coas veciñas de Castelo. Haberá, tamén, un obradoiro de creación escénica, Fai o teu, impartido pola actriz, directora e autora Noemi Rodríguez, que ten por obxectivo alimentar a capacidade creativa para resultar en pequenas pezas coas que seguir a traballar. Haberá incluso a oportunidade de ver a obra preparada polas nenas e nenos do campamento Xente Miúda e que representarán para as familias, veciñanza e visitantes.
Como o Castelo Conta é para todas e todos, a programación tamén ofrece actividades específicas para a cativada, non só o campamento, tamén outras como a obra infantil As minas do rei Salomón ou o concerto de A Gramola Gominola. Haberá a oportunidade de ver en primicia un avance de Bechos, a nova serie de animación para primeiros espectadores da Televisión de Galicia. Tamén se poderá acudir á estrea de Nena, unha curtametraxe protagonizada por Carlos Blanco, David Perdomo, Xosé A. Touriñán e Antía Touriñán, que chega a Castelo despois de viaxar por festivais de toda Europa.
Por suposto, neste festival non faltarán os xantares, a alborada ou a sesión vermú, ademais dunha andaina moi musical que xa se fixo tradición nas tardes do sábado do Castelo Conta. Para descubrir este lugar, que unha vez no ano abre as portas das casas para facerse capital cultural, cómpre moito máis ca ver a programación. Porque o evento é moito máis que unha sucesión de actividades, porque o Castelo Conta é o seu propio tempo.