Últimas datas do ano para ‘Continente María’
O espectáculo rematará en Asturias unha xira que o levou por toda Galicia, Castela e León, Madrid e Colombia. No principio de 2024, anunciaremos novas datas nesta viaxe a través do legado de María Casares.
Achégase o final do ano e, coma sempre nestas datas, é tempo de facer balances. A viaxe de ‘Continente María’ neste 2023 percorreu Galicia, Castela e León, Madrid, Colombia e rematará en Asturias. A función de Candás porá o peche a un ano con moitos quilómetros, moitas experiencias novas e moitas alegrías.
Desde a súa estrea na primavera de 2022 o espectáculo non parou de xirar, tendo pasado xa por practicamente toda Galicia, estando en cartel nas Naves del Español en Matadero Madrid, participando en París nos actos conmemorativos do centenario de María Casares, sendo un dos cinco espectáculos galegos participantes nos festivais de Manizales e San Ignacio ou inaugurando a primeira edición do Festival Internacional de Teatro de Bogotá.
No próximo ano, ‘Continente María’ seguirá ampliando a súa viaxe e levando fóra das nosas fronteiras a historia da actriz galega máis universal. Mentres, para pechar a xira deste 2023, o espectáculo fará parada en Valladolid (20 de decembro), Madrid (21 de decembro), Alcorcón (22 de decembro) e rematá o 28 de decembro en Candás.
Todas as datas e a venda de entradas están dispoñibles en continentemaria.gal e nas webs dos teatros.
Esta intensa xira contou co apoio do Ministerio de Cultura a través do INAEM, e da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.



