O espectáculo protagonizado por Melania Cruz e Vadim Yukhnevich representarase no Instituto Cervantes da capital francesa no marco da homenaxe a María Casares programada pola Embaixada Española en Francia
Hoxe, 21 de novembro, fai exactamente cen anos do nacemento de María Casares na Coruña, a actriz galega máis universal a quen homenaxeará en París Continente María. O espectáculo viaxará á capital francesa en colaboración coa Embaixada Española en Francia, no marco da homenaxe con motivo do centenario desta figura clave do teatro, símbolo do exilio e do republicanismo.
A obra dirixida por Tito Asorey, inmersa nunha xira por Galicia tras estrearse o pasado abril, estará na cidade que viu nacer a María Casares por segunda vez -sobre o escenario e como artista- o vindeiro 3 de decembro ás 18.00 h no Instituto Cervantes de París. Os escenarios parisinos acollerán deste xeito a primeira representación fóra de Galicia deste espectáculo que reflexiona sobre o legado escénico e vital de María Casares, achegando ao público a enorme figura dunha actriz que nunca gozou en Galicia do recoñecemento que acadou en Francia.
En Continente María Melania Cruz, recentemente galardoada nos Premios Cultura Galega 2022 na categoría de Artes Escénicas, realiza unha complexísima actuación que, por momentos, fai que a Casares volva á vida nos escenarios, a súa verdadeira patria. Melania explica que para ela foi un reto interpretativo, mais, como dixo María Casares, «actuar é vencer o medo».
A música é un elemento fundamental neste espectáculo no que a protagonista recita e canta en directo xunto a Vadim Yukhnevich, músico, compositor e multinstrumentista bielorruso quen afirma que «Continente María permíteme viaxar cara aos meus adentros e reflexionar o meu presente, o meu exilio». A musicalidade que desprende Continente María cobra gran forza grazas á sintonía en escena de Melania e Vadim, empapando o texto dunha enorme emoción.
O equipo internacional desta produción de Ainé, A Quinta do Cuadrante, o Centro Dramático Galego e o Concello da Coruña, complétao Marianella Morena, dramaturga uruguaia, que remarca a importancia de dar a coñecer a excepcional María Casares ao gran público.
A xira galega
Logo da estrea na Coruña e a súa estadía no Salón Teatro de Santiago, Continente María iniciou unha xira por Galicia na que percorrerá diferentes vilas e cidades galegas. No que queda de ano, o espectáculo visitará os teatros de Viveiro e Ourense. Toda a información sobre a obra, calendario e venda de entradas está dispoñible en continentemaria.gal.