Unha cidade, dous espectáculos e cinco funcións
‘Continente María’ estivo no Auditorio Municipal de Vigo e ‘Recortes’ no Teatro Afundación. Ambas obras continúan de xira por Galicia tras a pasada fin de semana de intensa actividade

A Vigo chegaron a pasada fin de semana Recortes, caneos e outras formas de driblar e Contiente María: dúas producións que ofreceron nesta cidade cinco pases en apenas tres días. Esta ampla oferta teatral ten unha característica moi relevante que é a heteroxeneidade dos espectáculos, que se insiren en mundos moi diferentes.
O público vigués puido entrar a través do Teatro Afundación no mundo do fútbol profesional, con Recortes, e descubrir as historias máis escuras que se veñen dando nel. Pero tamén puideron ir ao Auditorio Municipal para facer unha viaxe polo Continente María e deste xeito coñecer a figura de María Casares, a gran actriz galega. Deste xeito se demostra que sobre os escenarios todo ten cabida e no patio de butacas hai un oco para cada persoa. As dúas obras están dirixidas por Tito Asorey e en ambas a música de Vadim Yukhnevich xoga un papel fundamental.
Tras a fin de semana de intensa actividade en Vigo, Recortes e Continente María seguirán xirando por Galicia. Por Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol pasará a obra con máis fútbol dos teatros, baseada na última investigación de Nacho Carretero, para a cal xa se poden adquirir as entradas na web de Recortes. Para Continente María tamén hai datas confirmadas en Viveiro e Ourense, cuxo horario se pode consultar na web do espectáculo, así como adquirir as entradas.

NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.


