Un Vigo cheo de teatro con ‘Recortes’ e ‘Continente María’ esta fin de semana
‘Recortes’ estará no Teatro Afundación do sábado 12 ao domingo 13 novembro e ‘Continente María’ no Auditorio Municipal os días 11 e 12

Durante a fin de semana en Vigo haberá unha chea de teatro, pois chegan á cidade Recortes, caneos e outras formas de driblar e Continente María: dous espectáculos moi diferentes para descubrir o lado máis escuro e descoñecido do fútbol profesional ou para celebrar o centenario de María Casares. Todo atopa o seu lugar sobre as táboas.
Recortes encherá de historias sobre fútbol e de reflexións arredor del o Teatro Afundación de Vigo entre o sábado 12 e o domingo 13 de novembro, con dous pases diarios. Este espectáculo de gran formato, dirixido por Tito Asorey e baseado na última investigación de Nacho Carretero, tivo preto de 4.000 espectadores no Salón Teatro —onde foi a súa estrea— e clausurou o FIOT de Carballo con todas as localidades esgotadas unha semana antes da representación.
Tras pasar por Ourense, Recortes continúa a xira por Vigo antes de seguir por outras localidades galegas, rematando en febreiro. As demais localidades por onde xa está confirmado que pasará esta obra son Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol. Na páxina do espectáculo está toda a información sobre datas, horarios e venda de entradas.

Achegámonos ao centenario de María Casares, o 25 de novembro, con novas oportunidades para desfrutar da figura da gran actriz dende o patio de butacas con Continente María. Daranse dous pases deste espectáculo, dirixido tamén por Tito Asorey e protagonizado por Melania Cruz, no Auditorio Municipal de Vigo, o venres 11 e o sábado 12 de novembro. A xira continuará por Viveiro e Ourense, o calendario e a venda de entradas está dispoñible na web de Continente María.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Amoriños’ amplía a súa segunda xira con novas datas e funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo suma novas paradas na súa xira de primavera, incluíndo no percorrido a Vilagarcía, Santiago, Ourense, Cee e Narón.
Xosé A. Touriñán inicia este venres o percorrido estatal do seu monólogo
O cómico actúa esta semana no Teatro Arlequín Gran Vía, primeira parada dunha serie de funcións que o levarán tamén por Bilbao, Barcelona e Oviedo nos próximos meses.
‘Amoriños’ prepárase para unha primavera de amor sobre as táboas
Tras unha primeira xira con funcións esgotadas, Touriñán e Perdomo regresarán no mes de marzo coa súa última proposta, un espectáculo de citas tolas, improvisación e moito corazón.


