‘Recortes’ esgota as entradas no FIOT de Carballo

‘Recortes’ continúa a xira en Ourense esta fin de semana, tras clausurar o Festival celebrado en Carballo cun cheo absoluto. ‘Continente María’ estará en Oleiros o sábado e ‘Fariña’ iniciou unha nova xira por España cunha actuación en Zamora

Isabel Garrido en primeiro plano e o resto do elenco de fondo. Foto: Aigi Boga

Máis de 4.500 asistentes no Salón Teatro de Santiago e todas as entradas vendidas para o pase co que clausura o FIOT de Carballo antes de continuar a xira por Ourense o sábado 5 de novembro: Recortes semella imparable correndo pola banda camiño da portería rival. O espectáculo dirixido por Tito Asorey e baseado na última investigación do xornalista e escritor coruñés Nacho Carretero arrincou con forza tras a súa estrea o 29 de setembro, xirando agora por toda Galicia nun percorrido que durará ata febreiro.

Tras o encontro en Ourense, Recortes seguirá por Vigo, Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol. As entradas para esta próxima data no Auditorio Municipal de Ourense e para todas as demais que virán despois pódense adquirir na web de Recortes.

Sergio Zearreta baixo unha choiva de pesetas en ‘Fariña, o espectáculo teatral’. Foto: Aigi Boga

Tamén está nas estradas Fariña, o espectáculo teatral. Tres anos de funcións e 70.000 espectadores despois, esta obra que tamén nace da investigación de Carretero segue a atraer xente aos teatros. Esta nova xira por España comezou o 30 de outubro en Zamora, os lugares onde xa hai máis datas confirmadas son Almería, Béjar e Altea.

‘Continente María’ en Oleiros

María Casares volverá moi preto da praia de Bastiagueiro que tiña pechada nun frasco de area na súa maison de Charente, pois Continente María estará o sábado 5 de novembro en Oleiros. O Auditorio Gabriel García Márquez celebrará o centenario da gran actriz que conqueriu a fama mundial dende o exilio francés con este espectáculo protagonizado por Melania Cruz e coa música de Vadim Yukhnevich. A venda de entradas está dispoñible na páxina de Continente María.

A actriz luguesa, que vén de gañar o Premio de Artes Escénicas da Cultura Galega, interpreta a María Casares á vez que dialoga con ela, nunha interpretación que foi aplaudida polo público máis pola crítica. Tras esta cita en Oleiros, haberá novas oportunidades en Vigo, Viveiro e Ourense de desfrutar de Continente María e celebrar a figura da actriz símbolo do exilio e do republicanismo.

Melania Cruz nunha escena de moita forza en ‘Continente María’. Foto: Aigi Boga

Monólogos para aprender e para rir

Non importa en que provincia galega te atopes, esta fin de semana traemos espectáculos teatrais cos que desfrutar diferentes puntos da xeografía galega. Ademais das actuacións de Recortes en Ourense e de Continente María en Oleiros, o espectáculo de divulgación Elemental estará en Lugo e as Izquierdo Sisters Improchou, en Fene.

Elemental é unha mestura de divulgación científica e humor da man de Manuel Vicente, César Goldi e Juanjo Fernández, que participará do primeiro concurso de monólogos científicos en galego Ciencia Calidade. O próximo sábado 5 de novembro no Vello Cárcere o público poderá aprender rindo con este pequeno cabaré portátil no que mestura a música do piano con stand-up comedy, teatro e cancións para contar as historias agochadas atrás dos actuais 118 elementos da Táboa Períodica.

Pola súa banda, Lucía Veiga e Marita Martínez chegan ao Museo do Humor de Fene co seu Izquierdo Sisters Improchou. Neste espectáculo de improvisación e humor, as actrices crean historias cargadas de humor e vida que nacerán e crecerán no mesmo intre de actualas.

Artigo anterior
Primeiros ensaios de ‘Códice K’, un espectáculo sobre o roubo do Códice Calixtino
Artigo seguinte
Un Vigo cheo de teatro con ‘Recortes’ e ‘Continente María’ esta fin de semana

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Recortes’ esgota as entradas no FIOT de Carballo