‘Moi Animal’ encara a recta final da súa primeira xira
Desde a súa estrea en outubro, o espectáculo percorreu diferentes localidades do país e continúa sumando público en cada parada. En decembro, a xira chegará tamén a Narón, Noia e Vilagarcía de Arousa, antes de rematar na Coruña.
Xosé A. Touriñán volve aos escenarios esta semana con Moi Animal, o seu novo monólogo, que entre o venres 27 e o domingo 29 de novembro pasará por Lugo, Burela e Santiago de Compostela. Serán seis funcións en tres días, nunha fin de semana na que a resposta do público xa se deixa notar: as dúas citas de Lugo e as dúas de Burela teñen as entradas esgotadas, mentres que para as funcións de Santiago quedan as últimas localidades dispoñibles.
A xira retomarase este venres 27 no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, con dous pases ás 20.30 e ás 23.00 h. O sábado 28 será a quenda da Casa da Cultura de Burela, onde Touriñán actuará ás 18.30 e ás 21.00 h. A fin de semana pecharase o domingo 29 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, con dúas últimas funcións ás 18.00 e ás 21.00 h.
En Moi Animal, Touriñán parte da nosa relación cos animais para construír unha mirada cómica sobre os costumes e as contradicións da especie humana. O monólogo percorre distintas formas de entender e convivir co resto das especies para acabar poñendo o foco en nós mesmos.
O humor e a observación do cotián volven ser o punto de partida desta nova proposta. A complicidade co público, unha parte fundamental da maneira de Touriñán de entender o teatro, tamén ocupa un lugar central neste espectáculo, cuxo texto asina xunto a José L. Prieto e JJ Vaquero.
Tras as citas desta semana, Moi Animal continuará o seu percorrido en decembro. Narón recibirá o espectáculo os días 4 e 5, Noia o día 7 e Vilagarcía de Arousa os días 11 e 12. A última parada desta primeira xira será A Coruña, onde Palexco acollerá catro funcións os días 26 e 27 de decembro.
As entradas para as funcións con localidades dispoñibles e toda a información sobre o espectáculo poden consultarse en moianimal.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Territorio Regueifa’ continúa o percorrido fóra de Galicia con dúas funcións en Asturias
O espectáculo chegará a Xixón e Vegadeo os días 27 e 28 de novembro, respectivamente, nunha nova parada da xira que está levando a improvisación oral galega a outros territorios.
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.



