‘Recortes’ pon a grada en pé na súa estrea

A estrea da nova produción de Ainé e o CDG dá comezo á temporada do mellor xeito posible: cos aplausos, os risos e a boa crítica do público. As representacións no Salón Teatro continuarán de mércores a domingo ata o 23 de outubro

Recortes, caneos e outras formas de driblar gañou a liga no primeiro partido. Unha victoria tan clara foi como foi grazas á actuación do elenco e ao traballo do amplísimo equipo, pero tamén polo público que asistiu á estrea no Salón Teatro de Santiago. No ritmo diario da compostelá Rúa Nova entrou o rebumbio e a alegría propia da chegada dun momento agardado. Xente sorrindo á camara diante do photocall, a chegada de convidados, os primeiros en entrar para tomar asento e os que alongan o tempo ata escoitar o aviso, ramos de flores…

Á estrea desta produción de Ainé e o Centro Dramático Galego acudiron persoas do mundo da cultura, como Blanca Cendán, Jorge Coira ou Quico Cadaval, e representantes públicos como o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ademais, entre outros persoeiros do mundo do fútbol, asistiron os presidentes dos principais equipos galegos: Antonio Couceiro, do Deportivo; Carlos Mouriño, do Celta; Tino Saqués, do Lugo; Lupe Murillo, do Pontevedra; e José Criado Labajo, do Rácing.

Na noite de onte houbo o típico, mais tamén o atípico. Algo víase vir, esperábase, pola orixinalidade de tratar o fútbol dende o teatro con base nun traballo xornalístico, o de Nacho Carretero. Facer rir evidenciando coa esaxeración as dinámicas do fútbol máis visibles significaría quedar nun punto inicial do que ‘Recortes’ procuraba. Dende o amor por este deporte e rexeitando o desprezo que moitas veces recibe por ser moi popular, por ser unha forma de ocio que gusta a moitísima xente, a obra tamén trata das sombras do fútbol profesional, cada día máis mercantilizado.

Recortes é un espectáculo que fala de nós como parte dun mundo complexo do que temos o noso anaquiño de responsabilidade, pero no que asoma o bo e a posibilidade de cambio. O ocio ten que ser para desfrutar, tanto nos estadios coma nos teatros, pero tamén lle debemos esixir un chisco de fondura.

Ao remate desta primeira representación de Recortes, o director Tito Asorey subiu ao escenario xunto ao elenco, Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta, e todo o equipo técnico, aos que o aplauso do público fixo saír dúas veces para recoller o agradecemento sementado.

Levar o fútbol aos teatros

Do mesmo xeito que aconteceu con Fariña, o espectáculo teatral, Recortes leva sobre as táboas unha investigación xornalística, a última de Nacho Carretero na que afonda no mundo do fútbol profesional para descubrir o lado máis descoñecido e escuro deste. Dende o comezo do proceso de traballo, o escritor e xornalista coruñés xa tiña en mente dous formatos: un libro e unha obra teatral. O primeiro aínda non se publicou, pero xa se pode desfrutar da versión dramática.

Un deporte de masas e unha arte do que moitas veces se ten a idea de exclusiva ou elevada. Mesturar dous tipos de entretemento diferentes nesta produción non é máis ca unha forma de cuestionar uns prexuízos que prexudican tanto ao fútbol, ao rebaixar a consideración que se lle dá a algo que gusta a tanta xente, coma ao teatro, ao afastar a xente dunha forma de ocio ao tinguila de complexidade e ata elitismo. Recortes, caneos e outras formas de driblar vén demostrar que o importante é desfrutar e deixar que queden os complexos para quen non saiba facelo. Xogar sempre no mesmo sitio só é para quen bota pachangas, cruzar campos é o que fai bos xogadores e xogadoras.

O elenco e equipo artístico de ‘Recortes’ saúda ao público do Salón Teatro. Foto: Aigi Boga

Onde ver ‘Recortes’

Ata o 23 de outubro, de mércores a domingo, Recortes, caneos e outras formas de driblar representarase no Salón Teatro de Santiago. Despois, continuará a xira por diferentes cidades e vilas do país. Os lugares confirmados polos que pasará a obra son Carballo, Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol.

Entrada anterior
Arrinca o partido no Salón Teatro de Santiago
Artigo seguinte
A acollida de primeira de Recortes

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Recortes’ pon a grada en pé na súa estrea
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.