Arrinca o partido no Salón Teatro de Santiago
Comeza a tempada con ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, que se estrea este xoves. O espectáculo baseado en textos de Nacho Carretero permanecerá na capital galega ata o 23 de outubro

O equipo de Recortes sae a xogar este xoves 29 de setembro, nun primeiro encontro que terá lugar no Salón Teatro de Santiago. A pretempada foi dura mais o elenco formado por Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta, está en forma e quecendo para saír ao escenario. Porén, o traballo cuxo resultado veremos neses noventa minutos (máis o desconto, máis os penaltis, máis o que faga falta) vén de moito máis atrás ca os ensaios.
Esta obra producida por Ainé e o Centro Dramático Galego comeza coa última investigación de Nacho Carretero sobre o lado máis descoñecido e escuro do fútbol profesional, conta coa dramarturxia de José L. Prieto para facer do xornalismo teatro. Pero, se realmente nos queremos remontar ao comezo de todo, deberiamos falar de que esta fórmula xa se probou con éxito na produción de Fariña, o espectáculo teatral. O equipo que non sairá ao campo pero sen o cal “nada disto sería posible” —como dirá algún cando lle concedan o Balón de Ouro— complétano José Faro ‘Coti’ na escenografía, Laura Iturralde na iluminación e audiovisuais, Vadim Yukhnevich na composición musical, Laura Baena no deseño do vestiario, Mónica García como coreógrafa, Sara Rey como axudante de dirección, Claudia Peña como xefa de produción… Un equipo completísimo dirixido por Tito Asorey.
‘Recortes’ xirará por Galicia
Tras a estadía no Salón Teatro de Santiago entre o 29 de setembro e o 23 de outubro, Recortes, caneos e outras formas de driblar percorrerá Galicia. As cidades e vilas nas que xa está confirmado que haberá representacións son Carballo, Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol. En recortes.gal pódense consultar as datas e horarios, así como adquirir entradas para as actuacións.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.


