Presentamos ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’
Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta conforman o elenco deste espectáculo dirixido por Tito Asorey. Recortes está baseada en textos de Nacho Carretero e conta coa dramaturxia de José L. Prieto. A estrea desta produción de Ainé e o CDG será o 29 de setembro no Salón Teatro de Santiago

Recortes, caneos e outras formas de driblar é a adaptación teatral da última investigación de Nacho Carretero, que, neste caso, estréase antes da publicación do libro. Neste novo espectáculo de gran formato o público atopará unha radiografía do mundo do fútbol profesional, abordando aqueles temas que quedan normalmente á marxe dos titulares. Esta produción do Centro Dramático Galego e Ainé conta coa dramaturxia de José L. Prieto e a dirección de Tito Asorey, equipo responsable da exitosa Fariña, o espectáculo teatral.
Ao acto de presentación asistiron o director do CDG, Fran Núñez; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e Nacho Carretero, ademais do director da obra, Tito Asorey, e o elenco formado por Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta.
A temporada comezará en Santiago de Compostela
A estrea de Recortes, caneos e outras formas de driblar será o 29 de setembro no Salón Teatro de Santiago, onde permanecerá ata o 23 de outubro antes de comezar a xira por Galicia. A primeira parada desa xira será no FIOT de Carballo, o día 31 de outubro. A continuación, o espectáculo pasará por Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía de Arousa, A Coruña e Ferrol.
As entradas xa están á venda en recortes.gal, na páxina web de Ataquilla e no despacho de billetes do Salón Teatro dúas horas antes do comezo do espectáculo.

Un equipo gañador
Esta produción de Ainé e o Centro Dramático Galego conta con espazo escénico de Jose Faro, “Coti”; Laura Iturralde é a responsable da iluminación e os audiovisuais, e Laura Baena a deseñadora do vestiario. Completan o equipo do espectáculo Sara Rey como asistente de dirección, Vadim Yukhnevich como compositor das músicas, Mónica García como responsable das coreografías e Rosa Moledo como asesora lingüística. O deseño do cartel é obra de Artur Galocha.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.


