Ainé e o CDG producen xuntos ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’
Este novo espectáculo de gran formato sobre textos de Nacho Carretero conta coa dirección de Tito Asorey e a dramaturxia de José L. Prieto. A súa estrea está prevista para o 29 de setembro no Salón Teatro de Santiago

Esta semana comezaron en Santiago de Compostela os ensaios dun novo espectáculo teatral baseado en textos de Nacho Carretero. Esta produción de Ainé e o Centro Dramático Galego conta coa dramaturxia de José L. Prieto e a dirección de Tito Asorey, equipo responsable da exitosa versión teatral de Fariña. Nesta ocasión, o fondo da investigación de Nacho Carretero é o mundo do fútbol profesional e todo o que o rodea.
O elenco de Recortes, caneos e outras formas de driblar está formado por Xosé A. Touriñán, Sergio Zearreta, Manuel Cortés, Isabel Garrido, Christian Escuredo e Xoán Fórneas. Xuntos darán vida a diferentes personaxes que conforman as historias máis escuras e as tramas do mundo do fútbol así como os comportamentos dos seus protagonistas nun espectáculo de gran formato que busca seguir gañando novos públicos para o teatro galego.
Recortes pon en escena as actitudes de xogadores, adestradores, xornalistas, directivos, árbitros, seareiros e demais personaxes principais, secundarios ou figurantes que conforman o espectáculo futbolístico. Esta obra é un paseo lúdico, crítico e musical polo mundo do fútbol, polo que se ve no campo e os arredores. Tamén por aquilo oculto, o que sucede fóra da nosa visión nos vestiarios, nos palcos e mesmo nas cabezas dos seus protagonistas. O espectáculo presenta un conflito entre a razón e a emoción, entre o cómico e o dramático, entre intérpretes e espectador.
O espazo escénico de Recortes, caneos e outras formas de driblar é obra de Jose Faro, “Coti”; Laura Iturralde é a responsable da iluminación e audiovisuais e Laura Baena a deseñadora do vestiario. Completan o equipo desta nova produción Sara Rey como asistente de dirección, Vadim Yukhnevich como compositor das músicas e Rosa Moledo como asesora lingüística. A estrea do espectáculo está prevista para finais do mes de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela.
Un novo camiño a percorrer
Logo do éxito colleitado por Fariña, o espectáculo teatral e do bo resultado da co-produción de Continente María, Ainé Producións pon en marcha xunto co Centro Dramático Galego esta obra de gran formato para este outono que percorrerá Galicia nos meses seguintes á súa estrea. O equipo formado por Nacho Carretero, Tito Asorey e José L. Prieto repiten nesta nova produción baseada nas investigacións xornalísticas de Carretero sobre o mundo do fútbol. Xosé A. Touriñán e Sergio Zearreta, repiten neste espectáculo cheo de humor e música logo da experiencia en Fariña.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.


