María Casares volve á Coruña da man de ‘Continente María’

No centenario do nacemento da actriz galega máis universal, presentamos este espectáculo que dialoga coa extraordinaria figura de María Casares. A estrea de Continente María terá lugar o 16 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Detalle do cartel de Continente María, deseñado por Lidia Cao

Neste 2022 conmemórase o centenario do nacemento de María Casares, a máis internacional das nosas actrices. Personalidade imprescindible do teatro da segunda metade do século XX, Casares nunca volveu á terra que a viu nacer logo do exilio forzado polo Golpe de Estado do 36. Establecida en Francia, o seu talento e personalidade traspasou fronteiras e deixou unha fonda pegada e un legado escénico extraordinario. Regresa agora a Galicia a través da sua patria, o teatro.

Continente María é un canto á vida e ao teatro a través do diálogo coa figura de María Casares. Mediante as múltiples posibilidades que nos ofrecen as táboas, evocamos a María non só como a inesquecible actriz que foi, senón tamén como o ser humano que se entregou con absoluta intensidade á vida e á escena para vencer o medo e sobrepoñerse ao exilio.

Conversamos con María Casares, recollendo a retranca, o humor e a musicalidade que se desprende dos seus textos e entrevistas, para conformar un espectáculo que busca explorar no seu legado na procura de luz nun momento no que tan precisos son referentes de liberdade e compromiso.

Á falta de terra propia, acharía unha tan grande como o vasto mundo: o escenario, onde se pode inventar toda clase de vidas, e os mortos regresan para saudar

María Casares

Un equipo internacional

Este espectáculo nace da investigación constante sobre María Casares que o director Tito Asorey e a actriz Melania Cruz levaron a cabo durante anos. Uniron forzas coa dramaturga uruguaia Marianella Morena e co compositor e multinstrumentista bielorruso Vadim Yukhnevich para construír un espectáculo que busca achegarnos a María Casares desde unha perspectiva contemporánea e atractiva para todo tipo de públicos.

Continente María é unha coprodución de Ainé, A Quinta do Cuadrante, o Concello da Coruña e o Centro Dramático Galego. Estrearase o 16 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e logo estará do 19 ao 22 e do 26 ao 29 no Salón Teatro de Santiago de Compostela. As entradas estarán dispoñibles nas próximas semanas.

Entrada anterior
‘Fariña’ regresa esta primavera a Galicia logo de ano e medio de xira.
Artigo seguinte
‘Ao Redor de Fariña’. As novas adiccións contadas desde o teatro

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » María Casares volve á Coruña da man de ‘Continente María’
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.