‘Fariña’ regresa esta primavera a Galicia logo de ano e medio de xira.
O espectáculo baseado no exitoso libro de Nacho Carretero superou os 50.000 espectadores desde a súa estrea. O 12 de marzo, arrinca en Santiago unha xira galega para a que xa están as entradas á venda.

O sábado 26 de febreiro, Fariña remata en Getxo unha viaxe que comezou en Xixón no mes de agosto e que pasou por máis de 20 localidades. A obra baseada no libro de Nacho Carretero regresa a Galicia esta primavera con ganas de seguir medrando, enchendo teatros e transmitindo a enerxía dun espectáculo que non deixa de sorprender alá onde vai.
Desde que comezou a aventura de Fariña no teatro, máis de 50.000 espectadores desfrutaron do espectáculo dirixido por Tito Asorey. Esta cifra acadouse durante a súa representación no 39º Festival de Teatro de Málaga, do que formou parte da programación do primeiro acto.
O elenco formado por Xosé A. Touriñán, Sergio Zearreta, César Goldi, Marta Lado, Graciela Carlos, Melania Cruz e Borja Fernández pasará agora por 9 localidades galegas: Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Lugo, Ourense, Vigo, Ferrol e Cangas. A primeira función será o 12 de marzo no Auditorio de Galicia de Santiago. Todas as datas e a venda de entradas están dispoñibles na páxina web de Fariña.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.


