‘Carbón’ chega en marzo aos teatros galegos
Xurxo Mariño e Oswaldo Digón estrean en Galicia este espectáculo que mestura a charla de divulgación científica coa comedia. As primeiras funcións terán lugar na Illa de Arousa e Santiago de Compostela.

Carbón chega a Galicia este mes de marzo. O espectáculo foi estreado no evento Naukas Bilbao nun Palacio Euskalduna completamente cheo. Agora Xurxo Mariño e Oswaldo Digón estarán nos teatros e auditorios galegos con este show que mestura a divulgación científica co humor.
A primeira función en Galicia terá lugar no Auditorio da Illa de Arousa o venres 4 de marzo. As entradas están á venda no Bar O Museo e na Administración de Loterías San Xulián. Ao día seguinte, Carbón viaxa a Santiago de Compostela, o Auditorio Abanca acollerá unha representación cuxas entradas están xa dispoñibles en Ataquilla.
Ciencia e humor en combustión
Resulta que, nun anaco de carbón, hai atrapados raios do Sol, radiación que foi absorbida por algunha planta fai nada menos que 300 millóns de anos. Os seres humanos descubrimos non só como se produciu todo isto, senón tamén a maneira de liberar esa luz solar.
Carbón é, en palabras dos seus creadores, unha charla de divulgación científica lixeiramente teatralizada e combinada con monólogos de humor. O neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño e o actor e humorista Oswaldo Digón embárcanse nunha viaxe apaixonante partindo dun humilde anaco de carbón con dúas premisas básicas: Mostrar a capacidade poética da ciencia e descubrir esa poesía en calquera obxecto cotián.
A partir desta pedra de cabón, Xurxo e Oswaldo van fiando historias fascinantes e diversas. Nelas explícanse desde a estrutura química da madeira, o grafito e o diamante ara o proceso da combustión e a súa relación coas nosas mitocondrias. Todo isto cun ton poético e moito humor, apoiados en imaxes e efectos sonoros.

NOTICIAS RELACIONADAS
‘Territorio Regueifa’ encara a súa estrea en Carballo
O espectáculo dirixido por José L. Prieto abrirá mañá a venda de entradas e estrearase o 6 de febreiro en Carballo, iniciando así unha nova etapa.
‘Amoriños’ amplía a súa segunda xira con novas datas e funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo suma novas paradas na súa xira de primavera, incluíndo no percorrido a Vilagarcía, Santiago, Ourense, Cee e Narón.
Xosé A. Touriñán inicia este venres o percorrido estatal do seu monólogo
O cómico actúa esta semana no Teatro Arlequín Gran Vía, primeira parada dunha serie de funcións que o levarán tamén por Bilbao, Barcelona e Oviedo nos próximos meses.


