Unha parroquia, seis localizacións, sete días, 38 eventos programados e máis de 10.000 persoas desfrutando da comedia, a cultura rural e a tradición oral
En todas as festas chega o momento do sorteo —do que sexa que anuncian as rifas— e de facer “que suba a Comisión”. Aquí non imos rifar nada pero si explicamos o traballo que fixo posible que desfrutaramos o Castelo Conta na súa VII edición, que se celebrou entre o 22 e o 28 de agosto.
Levar programación cultural ao rural é o obxectivo principal dun festival que xurdiu dun espectáculo de monólogos organizado polo actor culleredés para axudar á comisión a pagar o que quedara a deber das anteriores festas. Deste xeito, o Castelo Conta bota a andar, sendo un evento cultural sen ánimo de lucro que carecería de sentido ningún de se desvincular do lugar. Ao mesmo tempo contribúe a coidar do noso; a dinamizar a vida no rural, a promover as artes escénicas, gardar a tradición oral e conservar o patrimonio natural. Nesta edición avanzouse na eliminación de barreiras a persoas con diversidade funcional ao contar con intérpretes de lingua de signos nos dous grandes espectáculos do festival —Somos Criminais 3 e a noite dos monólogos—, en colaboración da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.
Programación para todo tipo de público
Ao Castelo Conta acudiron máis de 10.000 persoas para desfrutar dunha moi variada programación, que incluiu seis espectáculos teatrais e dezaseis concertos, comezando ás 10 da mañá e estendéndose a meirande parte dos días ata ben entrada a madrugada. Mais todas as actividades estiveron marcadas polo humor e a música, por exemplo, a andaina na que ao longo de catro horas camiñando actuaron unha charanga, un grupo de música tradicional, Carlos Blanco e Luis Davila e ata houbou unha barra móbil.
Ademais, todas as mañás de luns a venres tiña lugar o campamento para nenos de entre 5 e 12 anos Xente Miúda e, ás tardes, os coloquios Contos de Castelo conducidos por Tone Martínez, nos que a xente maior tomaba o protagonismo e explicaba como eran os seus tempos. Tamén houbo espazo para as artes gráficas. No marco da homenaxe a Finita Gay, inaugurouse un mural no que o artista urbano galego Mon Devane retratou á icónica cantante de orquestras.
Por suposto, tampouco faltou de comer nin de beber. Nas localizacións onde se desenvolvía a programación sempre había unha barra, ás mañás os miúdos e as miúdas almorzaban con Deleite, celebrouse unha churrascada popular o venres, o sábado máis de 1.200 persoas xantaron e cearon no día grande de Castelo e houbo sesión vermú con Nordesía o domingo.
Todo isto e máis desenvolveuse en cinco localizacións, algunhas públicas, coma o Campo da Capela e a Polideportiva, e outras privadas que a veciñanza poñía ao dispor do festival, coma o Alpendre do Ferrador ou a Leira de Himerio. Ademais, tamén se instalou decoración con información por toda a parroquia e balados publicitarios en Cullerdo, Cambre, A Coruña, Carballo e Arteixo.
En todo momento ao longo do festival houbo persoal traballando no material gráfico —imaxe e vídeo—, de xeito que esta produción diaria se traduciu nunha comunicación intensa e seguida ao longo da semana. Porén, a comunicación comezou moito antes, o 29 de xullo, e continuou un par de semanas despois de rematado o festival. Ademais da web do Castelo Conta tamén se empregaron as canles propias que ten o festival en Instagram, Facebook e Twitter. O crecemento nestas foi notable e evidencia o efectivo do traballo de comunicación: o Instagram aumentou en case 1.000 seguidores e tivo máis de 500.000 impresións das publicacións, o Facebook medou tamén en case 1.000 seguidores con máis de 500.000 impresións e o Twitter tivo uns 100 seguidores máis e preto de 2.000 interaccións.
Ademais da veciñanza de Castelo, o Castelo Conta foi posible grazas ao apoio do Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Agadic e o Xacobeo 21·22, e ao patrocinio de Deleite, Estrella Galicia, Méndez-Rojo Familia Bodeguera, Nordesía, Ron Burla Negra e 25 Lolita’s.