‘Fariña’ remata este sábado en Cangas a primeira parte da xira por Galicia

O espectáculo baseado no libro homónimo de Nacho Carretero achégase aos 15.000 neste regreso a Galicia tras ano e medio xirando por España.

Graciela Carlos, César Goldi, Marta Lado, Xosé A. Touriñán e Sergio Zearreta saúdan ao remate dunha función de Fariña. Foto: AIGI BOGA

No mes de marzo, Fariña volvía a Galicia despois da súa estancia e Madrid e dunha longa xira pola península que comezou en Xixón no mes de agosto de 2021. A acollida foi espectacular, enchendo practicamente todas as funcións programadas, chegando a esgotar as entradas durante seis funcións consecutivas na Coruña. O sábado 28 remata a primeira parte desta intensa xira, a cita será ás 21.00 h no Auditorio Municipal de Cangas.

En total, case 15.000 persoas achegáronse ao teatro para gozar do espectáculo dirixido por Tito Asorey nestes intensos dous meses en Galicia. A viaxe de Fariña, que comezou en 2019, continúa abrindo camiños e chegando a novos lugares. Andalucía, Madrid, Cataluña, o País Vasco, Navarra, Castela e León, Asturias… son algunhas das paradas desta viaxe que está a piques de chegar á cifra dos 70.000 espectadores totais.

Paralelamente ás funcións, tamén puxemos en marcha Ao redor de Fariña, unhas xornadas de prevención orientadas á mocidade e ás familias organizadas co apoio da Deputación da Coruña. Estas accións, desenvolvidas desde os teatros co decorado de Fariña como soporte visual, contaron coa presenza dos recoñecidos expertos en prevención de comportamentos adictivos e doutores en psicoloxía Patricia Gómez Salgado, Antonio Rial Boubeta e Manuel Isorna Folgar. Ademais, Xosé A. Touriñán, Nacho Carretero e o resto do equipo de Fariña tamén participaron nestes encontros que tiveron unha gran acollida.

Viaxe a Rivas-Vaciamadrid e retorno a Galicia

Fariña comezará o mes de xuño no Auditorio Pilar Bardem de Rivas, terceira función na Comunidade de Madrid deste 2022 tras as estancias en Las Rozas e Getafe no mes de febreiro. Oswaldo Digón regresa ao elenco acompañando a Sergio Zearreta, César Goldi, Marta Lado e Graciela Carlos nesta nova etapa da viaxe. Á volta de Rivas, o espectáculo fará parada en Ribadumia, Cee, Lalín, Celanova e Redondela. As entradas están á venda en farina.gal e nos puntos de venda habituais destas localidades.

Sergio Zearreta, Oswaldo Digón, César Goldi, Marta Lado e Graciela Carlos nunha escena de Fariña. Foto: AIGI BOGA
Entrada anterior
‘Continente María’ emociona na súa estrea no Teatro Rosalía de Castro
Artigo seguinte
David Perdomo inaugura a programación de comedia do Copacabana

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Fariña’ remata este sábado en Cangas a primeira parte da xira por Galicia