‘Fariña’ regresa á Coruña logo do gran inicio de xira en Santiago

O Teatro Colón acollerá seis novas funcións do espectáculo do 18 ao 20 de marzo. A pasada fin de semana, o Auditorio de Galicia encheuse no comezo da xira de Fariña, que percorrerá Galicia ata finais de maio. Paralelamente ás funcións, arrincaron tamén na capital as xornadas de prevención Ao redor de Fariña.

César Goldi e Xosé A. Touriñán nun momento de ‘Fariña’. Foto: Aigi Boga

Fariña está de volta e non puido regresar de mellor maneira. O sábado 12 de marzo, un Auditorio de Galicia completamente cheo recibía a Xosé A. Touriñán, Sergio Zearreta, César Goldi, Marta Lado e Graciela Carlos. Había moitas ganas de volver á casa e notouse nunha noite na que tanto público como o elenco desfrutou do momento como pasa nas grandes ocasións. O público compostelán sumouse á festa que supón cada función de Fariña e o ambiente creado foi de total conexión entre as táboas e o patio de butacas.

Despois dunha segunda función, o equipo dirixido por Tito Asorey encara esta semana seis funcións no Teatro Colón da Coruña para as que aínda quedan unhas poucas entradas á venda. Serán tres días intensos, do 18 ao 20 de marzo, nos que o elenco afrontará dúas funcións diarias nun escenario no que deixou moi boa pegada no 2019. Desde aquela, a obra viaxou por toda Galicia e gran parte de España, acumulando non só quilómetros senón tamén medrando como espectáculo total.

As entradas para estas funcións e o resto de datas previstas durante esta xira están dispoñibles en farina.gal e na web de Ataquilla. As seguintes paradas, xa no mes de abril, serán Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Lugo e Ourense.

Ao redor de Fariña. A prevención, desde o teatro.

Antonio Rial, Tito Asorey, Patricia Gómez e Manuel Isorna nun momento da sesión no Auditorio de Galicia. Foto: Aigi Boga

Ao redor de Fariña é unha iniciativa social complementaria á obra teatral. Coa intervención de destacados expertos na materia e a mediación de Touriñán e o equipo do espectáculo teatral, estas sesións pretenden analizar a problemática do narcotráfico, contextualizándoa sobre as táboas para, finalmente, reflexionar sobre as conductas adictivas e incidir sobre a importancia da prevención das mesmas.

Estas xornadas lúdico-educativas están dirixidas a mozos e mozas de 14 a 16 anos e tamén ás súas familias. Buscan impactar na audiencia empregando os medios propios do teatro e a súa capacidade para conectar co público. Xosé A. Touriñán exerce o papel de facilitador nestas sesións que contan cos doutores en psicoloxía Patricia Gómez Salgado, Antonio Rial Boubeta e Manuel Isorna Folgar, destacados investigadores en comportamentos adictivos e o uso da tecnoloxía na adolescencia.

As sesións, de acceso libre previa retirada de convites, están despertando moito interese entre a comunidade educativa e medios de comunicación. A sesión do venres 18 no Teatro Colón contará coa participación do xornalista Nacho Carretero, autor do libro no que se basea o espectáculo. Os convites están dispoñible en aredorde.farina.gal e na web de Ataquilla.

Con este proxecto, en colaboración coa Deputación da Coruña, créanse espazos seguros e dinámicos nos que compartir información de carácter social dunha forma diferente e atractiva. A educación en valores necesaria para evitar o que noutro momento da nosa historia deu nunha auténtica traxedia.

Artigo anterior
‘Ao Redor de Fariña’. As novas adiccións contadas desde o teatro
Artigo seguinte
Touriñán regresa ao prime time de La 2 coa segunda temporada de ‘Rutas Bizarras’

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Fariña’ regresa á Coruña logo do gran inicio de xira en Santiago