‘Continente María’ emociona na súa estrea no Teatro Rosalía de Castro

Melania Cruz e Vadim Yukhnevich arrincaron o aplauso do público coruñés coa súa impecable actuación ata en dúas ocasións antes de rematar a función. O espectáculo dirixido por Tito Asorey colleitou grandes críticas por parte dos asistentes.


O Teatro Rosalía de Castro acolleu a estrea de Continente María, obra na que Melania Cruz interpreta a María Casares, mais non só iso. O texto elaborado pola uruguaia Marianella Morena procuraba un diálogo que trouxese á actriz galega ao presente, o cal se traduciu nunha infinidade de rexistros, acentos e situacións polas que Melania transitou como se fosen a súa propia casa, a súa propia pel. A música de Vadim Yukhnevich creou un espazo no que a emoción e o dinamismo conviviron coa reflexión sobre o amor, a guerra ou a identidade.

A do luns 16 foi unha noite especial na que por fin chegaba ao público un espectáculo no que o director Tito Asorey e Melania Cruz levaban anos traballando. A unión de forzas de Ainé con A Quinta do Cuadrante, o Concello da Coruña e o Centro Dramático Galego fixo posible esta montaxe que levantou ata en dúas ocasións ao público das butacas antes do remate da obra e finalizou cunha ovación de case tres minutos.

Continente María mostrouse como un espazo de memoria democrática, de reivindicación da figura dunha actriz inmensa e de demostración da forza do teatro galego. O cheo acolledor e absoluto que se viu no Teatro Rosalía de Castro, dá conta do interese e do compromiso social con iniciativas tan importantes coma esta que celebra unha actriz que fixo do teatro a súa patria, no ano no que se celebra o centenario do seu nacemento.

María Casares regresa á Coruña

Paulo Rodríguez, Tito Asorey, Inés Rey, Fran Núñez, Melania Cruz e Xosé A. Touriñán na presentación na Coruña. Foto: AIGI BOGA

O espectáculo presentouse no pazo de María Pita, sede do Concello da Coruña, nun acto que contou coa presenza da alcaldesa Inés Rey, o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; o director do Teatro Rosalía de Castro, Paulo Rodríguez; Xosé A. Touriñán, produtor da obra; Tito Asorey, director de Continente María e Melania Cruz, protagonista.

Nesta presentación pública, tanto a alcaldesa como o director do CDG resaltaron a necesidade de poñer en escena un gran espectáculo sobre a actriz coruñesa, enmarcándoo nos diferentes actos do centenario que se cumpre neste ano.

Tito Asorey destacou a musicalidade e a posta en escena do espectáculo mentres que Melania Cruz mostrouse moi feliz por poder levar a escena un proxecto tan esperado. Pola súa banda, Xosé A. Touriñán animou ao público Coruñés a achegarse ao teatro e gozar cun espectáculo que pretende non só achegar a figura de María Casares, senón contaxiar a súa paixón polas táboas.

Estancia no Salón Teatro de Santiago

Continente María estará na carteleira do Salón Teatro compostelán desde o día 19 ata o 29 de maio. Así o anunciaron no propio teatro Fran Núñez e o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo. Sobre o escenario da sede do CDG, o seu director destacou a calidade do espectáculo e a necesidade de levar o teatro a todas as vilas e cidades galegas. Anxo Lorenzo, pola súa banda, destacou a colaboración entre institucións para a produción da obra.

Tito Asorey quixo agradecer ao Concello de Rianxo a súa colaboración para a residencia técnica de Continente María e reivindicou os teatros non só como lugares de exhibición senón de creación. Melania Cruz e Vadim Yukhnevich abrirán o xoves 19 esta estancia no Salón Teatro para a que as entradas xa están dispoñibles en continentemaria.aine.gal na web de Ataquilla.

Xosé A. Touriñán, Tito Asorey, Melania Cruz, Anxo Lorenzo e Fran Núñez na rolda de prensa en Santiago. Foto: Agadic

Entrada anterior
María Casares regresa á súa Coruña natal coa estrea ‘Continente María’
Artigo seguinte
‘Fariña’ remata este sábado en Cangas a primeira parte da xira por Galicia

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Continente María’ emociona na súa estrea no Teatro Rosalía de Castro
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.