María Casares regresa á súa Coruña natal coa estrea ‘Continente María’

O espectáculo protagonizado por Melania Cruz dialoga coa gran actriz cuxo centenario está a celebrarse neste 2022. A estrea da obra terá lugar o luns 16 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Melania Cruz e Vadim Yuchnevich nunha escea de Continente María. Foto: Aigi Boga

O luns 16 de maio, María Casares regresa á Coruña. Faráo por medio de Continente María no Teatro Rosalía de Castro. Melania Cruz ponse na pel de María Casares nunha peza que trae de volta á máis universal das actrices galegas.

Continente María celebrará o centenario do nacemento de María Casares como ela tivese querido: sobre o escenario. Este espectáculo “non é só unha obra histórica ou biográfica, tamén é unha peza que nos fala dende e sobre o noso presente”, explica o director, Tito Asorey, aludindo ao conflito actual na Ucraína. Sobre as táboas estarán a actriz Melania Cruz, quen sinte unha gran responsabilidade ao “traer de volta a través do seu corpo a María Casares” e o músico bielorruso Vadim Yukhnevich, quen di “viaxar aos seus adentros mediante esta obra e reflexionar con ela sobre o seu propio exilio”. 

A obra procura achegar ao público galego a figura da icónica actriz coruñesa que acadou a fama internacional nos escenarios e cinemas franceses. Conta para iso cun equipo artístico internacional composto, ademais dos citados Tito Asorey e Melania Cruz, polo compositor e multiinstrumentista bielorruso Vadim Yukhnevich e a dramaturga uruguaia Marianella Morena

O espectáculo presentarase ás 12:30 horas no Pazo de María Pita coa presenza da Alcaldesa da Coruña, Inés Rey; Fran Núñez, director do CDG; Melania Cruz, protagonista da obra; Tito Asorey, director e dramaturgo e Xosé A. Touriñán, produtor do espectáculo. Continente María é unha produción de Ainé e A Quinta do Cuadrante en coprodución co Concello da Coruña e o Centro Dramático Galego.

Continente María en Compostela

Logo da estrea na Coruña, Continente María trasládase a Santiago de Compostela. O mércores 18, presentaránse estas funcións no Salón Teatro onde estará en cartel do día 19 ao 29 de maio. Este acto contará coa presenza de Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Jacobo Sutil, Director da Agadic; Fran Núnez, Director do CDG; Tito Asorey, director de Continente María; Melania Cruz, protagonista da obra e Xosé A. Touriñán, produtor do espectáculo.

As entradas para todas as funcións están dispoñibles na web continentemaria.gal.

Melania Cruz durante Continente María. Foto: Aigi Boga
Artigo anterior
Touriñán, Oswaldo Digón e Marita Martínez, de xira por Galicia da man dos ‘Monólogos R’
Artigo seguinte
‘Continente María’ emociona na súa estrea no Teatro Rosalía de Castro

NOTICIAS RELACIONADAS

Lamatumbá

Lamatumbá é un dos grandes renovadores da música galega. A súa mestura de xéneros, as xiras con grandes da música mundial e os grandes himnos como ‘Licor Café’ convertíronos nunha das bandas máis populares de Galicia.

Portada » Caderno » María Casares regresa á súa Coruña natal coa estrea ‘Continente María’