A acollida de primeira de Recortes
Ante a gran resposta do público, ábrense dous novos pases de ‘Recortes’, que continúa enchendo o Salón Teatro. O espectáculo dirixido por Tito Asorey está recibindo moi boas críticas neste arranque en Santiago de Compostela

Na segunda semana de Recortes, caneos e outras formas de driblar no Salón Teatro de Santiago, o público continúa a encher o patio de butacas. A boa crítica e acollida da produción de Ainé e o Centro Dramático Galego fixo que se abran dúas novas funcións, malia estaren xa programadas máis de quince, unha diaria de mércores a domingo entre o 29 de setembro e o 23 de outubro. Para que máis xente poida acudir a desfrutar de Recortes, aos pases das nove da noite dos sábados 15 e 22 de outubro, engádese outro ás seis da tarde.
Ademais, tras a estadía do espectáculo na capital galega, iniciarase unha xira ata febreiro que pasará por diferentes cidades e vilas galegas: Carballo, Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol. O calendario de funcións pódese consultar na web de Recortes, onde tamén se poden adquirir as entradas.
A obra baseada na última investigación do xornalista e escritor Nacho Carretero trae o fútbol ao teatro. Explorar novas fórmulas e temas é clave para propósito de Ainé de atraer novos públicos que, con producións como Recortes ou Fariña, o espectáculo teatral, se está a conseguir.
Neste achegamento á faciana oculta do deporte rei, Montse García, xornalista de La Voz de Galicia, afirma que hai “hai caneos, cambios de ritmo, como no mítico gol de Maradona no Mundial do 86. Comedia e drama”. Outra crítica que puidemos ler nos xornais foi a de Rodrigo Brión Insua, de Galicia Press: “Nunca antes nin despois se explicou tan ben algo tan abstracto como a paixón, e máis se nos referimos á paixón a unhas cores. Antes só podíase recorrer á película de Campanella ou acudir a unha cancha para tratar de comprendelo. Agora, desde a estrea de Recortes tamén no teatro conseguiron que os leigos na materia vivan e sufran como o maior dos seareiros”.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.


