O espectáculo sobre a figura de María Casares estará en diferentes vilas e cidades no outono do seu centenario. Lugo e Arteixo son as primeiras paradas dunha xira con varias datas confirmadas

Tras estrearse na Coruña natal de María Casares, pasar unha semana no Salón Teatro de Santiago e formar parte da programación da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Continente María retoma o seu percorrido polos teatros. Neste outono do Ano Internacional de María Casares, que celebra o centenario da gran actriz, o espectáculo regresa aos tetros galegos facendo as primeiras paradas en Lugo e Arteixo.
Malia a dificultade de traer ao presente unha figura tan inmensa como a de María Casares, Continente María está a colleitar unha moi boa crítica e xa foi definida coma “un dos grandes espectáculos deste ano”. A actuación de Melania Cruz, recentemente galardoada nos Premios da Cultura Galega 2022, móstrase neste espectáculo “capaz de transitar por multitude de rexistros con facilidade asombrosa, entregada ao espectador dun xeito cada vez máis sorprendente, en reviravolta continua cara ás profundidades humanas”.
No espectáculo, dirixido por Tito Asorey, convive o humor, a emoción e unha gran musicalidade aportada en escena polo compositor e multi-instrumentista Vadim Yukhnevich. Xunto a Melania, o músico bielorruso forma unha gran parella escénica que é capaz de meter ao público no universo da actriz galega máis universal, invitando ao espectador a percorrer este continente, non como turistas senón como quen vai habitar un novo lugar.
Continente María percorre o territorio galego portando o complexo relevo da gran actriz, con drama, anécdotas, música, risa e reflexión. É unha obra que sobre todo busca celebrar coa xente esta actriz que nunca tivo na súa terra o recoñecemento que acadou fóra. Na web de Continente María pódense consultar as datas dos diferentes pases, así como adquirir as entradas para os mesmos.