Un outono cargado de teatro

‘Recortes’ clausurará a súa estadía no Salón Teatro coas últimas seis funcións, ‘Continente María’ dá comezo á xira de outono en Lugo e ‘Fariña’ volve ás estradas a final de mes. As entradas para os espectáculos están á venda nas súas páxinas web

Xoán Fórneas nunha escena de ‘Recortes’ representada no Salón Teatro. Foto: Aigi Boga

Atravesamos o ecuador do mes de outubro cunha semana na que a meteoroloxía empeora e o teatro se converte nun refuxio no que desfrutar. Co cambio de estación comezou unha nova temporada nos teatros coa estrea de Recortes, caneos e outras formas de driblar, que entre o mércores día 19 e o domingo 23 fará os seus últimos seis pases en Santiago, no Salón Teatro. Esta semana tamén temos cita cun espectáculo con moita música en Lugo, no Auditorio Gustavo Freire, a onde chegará Continente María o xoves 20.

O dous espectáculos percorrerán Galicia nos próximos meses levando a paixón e as miserias do fútbol ao teatro e achegándonos a enorme figura de María Casares. Recortes está a ter unha gran acollida na súa estrea, enchendo case que todas as funcións programadas neste mes de outubro. Antes de iniciar o percorrido polos teatros de Galicia, o espectáculo estará no FIOT de Carballo, pechando a programación do festival que este ano celebra a súa 30ª edición.

Continente María retoma en Lugo a viaxe que comezou en primavera, no Teatro Rosalía de Castro. O espectáculo protagonizado por Melania Cruz, galardoada recentemente co Premio Cultura Galega de Artes Escénicas, colleitou moi boas críticas na súa estrea e prepárase agora para chegar a novos lugares. Esta viaxe polo legado escénico e vital de María Casares, conta coa dirección de Tito Asorey sobre un texto de Marianella Morena.

Melania Cruz en ‘Continente María’. Foto: Aigi Boga

Fariña volve ás estradas!

O outono tamén trae consigo unha nova xira por España de Fariña, o espectáculo teatral. Tras case tres anos de funcións, Fariña volve saír de Galicia nunha nova xira polos teatros da xeografía española. O espectáculo segue dando alegrías e chegando a novos lugares. Nos próximos días irán confirmándose novas datas, podes seguir todas as novidades da xira nas redes sociais do espectáculo.

Logo da gran acollida en Madrid na súa estancia nas Naves del Español e no Teatro Cofidis Alcázar, o espectáculo iniciou en 2021 unha xira que o levou por máis de 20 localidades de diferentes comunidades para logo volver a Galicia e encher os teatros das principais vilas e cidades. Comeza agora unha nova aventura ata final de ano, abrindo novos camiños e superando metas.

Sergio Zearreta, Marta Lado e César Goldi nunha escena de Fariña. Foto: Aigi Boga

Tres xiras e moitas datas

Continente María reanuda a xira no último trimestre deste Ano Internacional de María Casares. Tras a parada en Lugo, a obra continuará por Arteixo, O Barco de Valdeorras, Oleiros, Vigo, Viveiro e Ourense. O espectáculo protagonizado por Melania Cruz tivo un gran éxito entre a crítica e o público tras a súa estrea na Coruña, cidade natal de María Casares, así como nas posteriores representacións no Salón Teatro de Santiago e no Festival Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. O calendario e a venda de entradas para os novos pases desta obra sobre a actriz, símbolo do republicanismo e do exilio, están dispoñibles na web de Continente María.

Recortes comezará a súa xira por Galicia tras o mes de estadía no Salón Teatro de Santiago onde foi estreada. O elenco, encabezado por Xosé A. Touriñán, percorrerá Carballo, Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol. Tamén na páxina de Recortes poden consultarse as datas dos pases e adquirir as entradas.

Pola súa banda, Fariña regresa ás estradas nunha nova xira española na que chegará a Zamora, Altea, Ceuta, Navalcarnero, Almería ou Béjar. O espectáculo baseado no libro de Nacho Carretero, superou os 70.000 espectadores na súa última xira por Galicia e volve ás estradas a piques de cumplir tres anos de funcións. Todas as datas confirmadas e a venda de entradas están dispoñibles en farina.gal.

Artigo anterior
‘Continente María’ volve aos teatros galegos
Artigo seguinte
O equipo de ‘Recortes’, reforzado polo éxito en Santiago, comeza a xira

NOTICIAS RELACIONADAS

Somos Criminais e punto final

Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán poñen o punto final a un dos proxectos máis exitosos do teatro galego cun novo espectáculo de ‘Somos Criminais’.

Portada » Caderno » Un outono cargado de teatro