O equipo de ‘Recortes’, reforzado polo éxito en Santiago, comeza a xira
Tras máis de 20 pases e máis de 4.500 espectadores o espectáculo despídese do Salón Teatro. ‘Recortes’ clausurará o FIOT de Carballo o 31 de outubro, dando comezo a unha xira por Galicia que durará ata febreiro

Na pasada noite de domingo Recortes despedíase do Salón Teatro de Santiago co cartel de “entradas esgotadas” pegado na billeteira. Foron máis de vinte pases os que se deron na sede do Centro Dramático Galego deste espectáculo baseado na última investigación de Nacho Carretero sobre o lado máis máis escuro do fútbol profesional, da parte deste mundo que non xoga limpo.
Máis de 4.500 persoas pasaron ao longo de catro semanas polo Salón Teatro, espazo que ofrece unha proximidade e unha intimidade coa que conxugar o que acontece enriba do escenario e no patio de butacas, facendo única cada actuación. Foi tal o éxito de asistencia que xa na primeira semana houbo que abrir dous novos pases para os últimos dous sábados da estadía de Recortes na capital galega.
As boas críticas apareceron na prensa pero tamén nas redes sociais, onde os espectadores os longos aplausos do teatro continúan en forma de palabras que parabenizan, celebran e recomendan. Porén, a vitoria do equipo de Recortes non se debe a números ou a valoracións positivas, tamén a ter atraído novos públicos a desfrutar das artes escénicas. Tras isto non hai unha casualidade senón unha intención clara, reflictida en iniciativas como a deste espectáculo, que leva o fútbol ás táboas en clave de humor pero tamén cunha ollada crítica que nos fai repensarnos como sociedade.
Aínda queda moita liga por diante e o elenco, formado por Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta, está máis en forma ca nunca. A obra dirixida por Tito Asorey comeza unha xira que durará ata febreiro, cuxo calendario xa se pode consultar na páxina web do espectáculo, así como mercar as entradas.
O próximo partido será o 31 de outubro, no Festival Internacional Outono de Teatro que clausurará Recortes. As entradas para a función de Carballo xa están esgotadas, pero están á venda para o resto da xira. As demais cidades e vilas galegas que xa están confirmadas no percorrido do espectáculo son Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol.
NOTICIAS RELACIONADAS
Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
A páxina recompila toda a información profesional do actor, director e produtor nun espazo renovado, accesible e estruturado arredor da súa traxectoria, proxectos e actividade actual.
A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
O espectáculo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia cun calendario que segue incorporando funcións ao longo de 2026 e comezos de 2027.
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.


