Primeiros ensaios de ‘Códice K’, un espectáculo sobre o roubo do Códice Calixtino

Dirixido por Tito Asorey e cun texto de Manuel Cortés, conta no seu elenco con Graciela Carlos, Patricia Castrillón, Marita Martínez e Lucía Veiga ademais da música en directo de Russ. A estrea terá lugar na primavera de 2023



Esta semana arrincamos no Pazo da Cultura de Carballo os ensaios dun novo espectáculo, Códice K. Esta nova aventura teatral conta coa dramaturxia de Manuel Cortés e a dirección de Tito Asorey, quen contará coa participación de Noemi Rodríguez no acompañamento do proceso de creación deste espectáculo de gran formato.

Estes primeiros ensaios gardan moita relevancia no proceso de creación deste espectáculo pola súa propia concepción. A partir das diferentes escenas que conforman a historia e serven de guía, Graciela Carlos, Patricia Castrillón, Marita Martínez e Lucía Veiga desenvolverán un intenso traballo de improvisación para conformar os diferentes textos. Logo, o proceso de dramaturxia continuará coa selección, perfilado e redacción final do texto dramático.

Asistimos pois a un proceso de creación no que a escrita individual e a creación colectiva non só non serán termos contrapostos senón que irán da man. Finalizados os textos definitivos, estes volverán ao local de ensaio para que as actrices dean vida ao texto e o fagan seu. Rematará aí un proceso de creación en constante conexión entre a escrita e a representación. En escena, as catro actrices protagonistas estarán acompañadas da Dj e produtora Russ, quen se encargará da música e ambientación en directo.

Este novo proxecto conta coa axuda da Agadic a través do seu programa de Subvencións á Creación Escénica. A estrea está prevista para finais do mes de marzo de 2023.

A historia de Códice K

No verán de 2011, o Códice Calixtino, un libro do século XII de incalculable valor histórico e artístico foi roubado do lugar no que estaba exposto na Catedral de Santiago. Logo dunhas semanas de especulacións, investigacións e multitude de noticias, soubemos que Manuel Castiñeiras, electicista da Catedral, fora quen o subtraera e o agochara nun baixo do Milladoiro. Esta é a historia oficial. Códice K conta a intrahistoria extraoficial: por que Manolo decidiu cometer semellante delito? como foi a investigación? quen estaba ao tanto do roubo? como se puido ocultar durante un ano semellante botín?

Será a través das catro actrices que contaremos como foi todo. E por que mulleres? Porque nesta historia non hai máis que homes. Empezando polo electricista, acabando polo deán, pasando polo xuíz, o investigador principal e todos os policías, curas e ata o mesmísimo arcebispo, esta é unha historia eminentemente masculina. Por iso se chegou ao consenso de que deberían ser mulleres, e só mulleres, as que a contasen. Do mesmo xeito que calquera feito da historia da humanidade, fose protagonizada ou non por mulleres, foi contada por homes, nós contaremos a historia do códice (unha historia de homes) a través das múltiples mulleres que a circunvalaron. Porque se a ninguén lle estrañou nunca unha cousa, non ten por que estrañarlle a outra.

Artigo anterior
O equipo de ‘Recortes’, reforzado polo éxito en Santiago, comeza a xira
Artigo seguinte
‘Recortes’ esgota as entradas no FIOT de Carballo

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Primeiros ensaios de ‘Códice K’, un espectáculo sobre o roubo do Códice Calixtino