‘Fariña’ continúa este mes de decembro a súa xira por España
Tras máis de tres anos de funcións, Fariña continúa o seu percorrido polos teatros de España sumando quilómetros e aplausos. Neste final de ano, o espectáculo dirixido por Tito Asorey viaxará á Comunidade de Madrid, Extremadura, Alacante, Rexión de Murcia, Andalucía e Castela e León

O 25 de outubro de 2019 estreabamos no Teatro Colón da Coruña Fariña, o espectáculo teatral. Dende entón moito cambiou, pero tras máis de tres anos de funcións, Fariña continúa espertando interese aló onde vai. O espectáculo segue dando alegrías e abrindo camiño a novos lugares.
Dúas xiras por Galicia, unha exitosa estancia de máis de seis meses en Madrid, funcións nos principais teatros de Barcelona, Xixón, Málaga, Pamplona, Murcia, Valladolid… En total máis de sesenta teatros, doce comunidades autónomas, máis de duascentas funcións e preto de 80.000 espectadores neste camiño no que perdemos a conta dos quilómetros que percorremos nos últimos anos levando a historia do narcotráfico en Galicia, recollida por Nacho Carretero no seu libro, aos escenarios.
Neste último mes do 2022, Fariña continúa o seu periplo completando o mapa, achegándose a novos lugares nos que seguir contando esta parte escura da nosa historia recente. O espectáculo mantén o seu espíritu, buscando a reflexión do espectador interpelándoo nunha trama da que a sociedade foi cómplice case sen decatarse. Todo isto contado a un ritmo que non deixa que o espectador se acomode, grazas o derroche de enerxía que o elenco realiza en cada actuación.
A próxima parada desta xira é o Teatro Centro de Navalcarnero, o domingo 4 de decembro. Posteriormente, a xira pasará por Almería, Badajoz, Béjar, Águilas, Altea e Molina de Segura.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.


