‘Fariña’, ‘Recortes’ e ‘Continente María’ continúan esta fin de semana o seu intenso mes

‘Fariña’ viaxa ao Teatro Cervantes de Almería, ‘Recortes’ fai parada en Pontevedra e ‘Continente María’ pechará a fin de semana en Ourense. Os tres espectáculos afrontan o final de ano con varias datas no calendario

Sergio Zearreta e César Goldi en ‘Fariña’. Foto: Aigi Boga

Nesta semana de pontes, o teatro non para. A xira de Fariña continúa o seu percorrido pola xeografía española e regresa a terras andaluzas. O Teatro Cervantes de Almería recibe este venres, día 9, o espectáculo sobre a historia do narcotráfico en Galicia. As entradas para esta xira están á venda na web do espectáculo.

Tras máis de tres anos de funcións, Fariña acumula máis de 200 funcións e preto de 80.000 espectadores, converténdose nun dos espectáculos máis exitosos da historia do teatro galego. Afronta agora neste mes de decembro unha esixente xira por Andalucía, Castela e León, Alacante, Murcia e Extremadura. O elenco formado por Sergio Zearreta, César Goldi, Oswaldo Digón, Marta Lado e Graciela Carlos ten por diante oito datas neste derradeiro mes do ano.

O equipo de Recortes volve ao campo en Pontevedra

Manuel Cortés, Xoán Fórneas, Christian Escuredo, Sergio Zearreta, Xosé A. Touriñán e Isabel Garrido en ‘Recortes’. Foto: Aigi Boga

O sábado é día de fútbol en Pontevedra. O equipo de Recortes, caneos e outras formas de driblar estará no Auditorio Sede Afundación achegando as luces e as sombras do fútbol profesional. A paixón por este deporte é unha das cousas ás que intenta dar resposta este espectáculo protagonizado por Xosé A. Touriñán, quen encarna un seareiro que reflexiona sobre o seu amor ao deporte rei. Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta completan o elenco deste espectáculo dirixido por Tito Asorey.

Recortes está baseado en investigacións de Nacho Carretero sobre o mundo do fútbol. Estes textos formarán parte dun libro que verá a luz proximamente. O humor e a música son os grandes protagonistas desta coprodución co Centro Dramático Galego que iniciou a súa xira no mes de setembro en Santiago de Compostela, onde colleitou un gran éxito de público.

As entradas e datas do resto da xira están dispoñibles na web do espectáculo.

Continente María regresa a Galicia

Vadim Yukhnevich e Melania Cruz en ‘Continente María’. Foto: Aigi Boga

Logo da experiencia parisina, Melania Cruz e Vadim Yukhnevich regresan a Galicia. Continente María estará no Teatro Principal de Ourense o domingo 11, pechando esta completa fin de semana teatral.

Este espectáculo achéganos a vida e o legado escénico da gran María Casares, artista no exilio que viviu sempre con Galicia no corazón e fixo do teatro a súa patria. Melania ponse na pel da actriz galega máis universal nun diálogo coa súa vida. A música en escena de Vadim, dota ao espectáculo dun ritmo e unha atmosfera moi especial, guiando ao público a través do continente que é María Casares.

No mes de xaneiro, anunciaremos novas datas para a xira. Na web do espectáculo está dispoñible toda a información e a venda de entradas.

Artigo anterior
‘Fariña’ continúa este mes de decembro a súa xira por España
Artigo seguinte
‘Fariña’ viaxa por última vez e pon fin a máis de tres anos de xira

NOTICIAS RELACIONADAS

Somos Criminais e punto final

Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán poñen o punto final a un dos proxectos máis exitosos do teatro galego cun novo espectáculo de ‘Somos Criminais’.

Portada » Caderno » ‘Fariña’, ‘Recortes’ e ‘Continente María’ continúan esta fin de semana o seu intenso mes