‘Fariña’ viaxa por última vez e pon fin a máis de tres anos de xira

Despois de máis de 200 funcións e 80.000 espectadores, Fariña afronta as últimas datas dunha xira que percorreu 12 comunidades nos últimos tres anos. O espectáculo dirixido por Tito Asorey abriu novos camiños, trouxo novos públicos ao teatro e deu moitísimas alegrías, converténdose nun dos espectáculos máis exitosos das últimas décadas do teatro galego

Esta fin de semana Fariña estará no Teatro López de Ayala de Badajoz e no Teatro Cervantes de Béjar, a de Badajoz será tamén a estrea en Extremadura, comunidade aínda inédita no percorrido do espectáculo dirixido por Tito Asorey.

Continúa así esta terceira xira por España que comezou en Zamora a principios do outono, logo dunha primeira estancia de máis de seis meses nos teatros madrileños, e unha ambiciosa segunda xira que arrincaba en Xixón no verán postpandemico de 2021.

Sergio Zearreta, César Goldi, Marta Lado, Oswaldo Digón e Graciela Carlos pecharán o ano con cinco funcións en cinco días e porán tamén punto e final a esta marabillosa aventura que foi —aínda está sendo— Fariña, o espectáculo teatral. Alacant, Águilas, Altea, Molina de Segura e Albacete serán as derradeiras paradas desta viaxe que acumula máis de 200 representacións e 80.000 espectadores.

Graciela Carlos, César Goldi, Marta Lado, Xosé A. Touriñán e Sergio Zearreta saúdan ao público. Foto: Aigi Boga

Unha viaxe apaixonante

Alá polo 2015 Nacho Carretero publicaba nunha, por entón, pequena editora chamada Libros del K.O. un dos libros máis éxitosos dos últimos tempos en España. Fariña non só é unha investigación profunda de como o fenómeno do contrabando acaba deribando no narcotráfico nas rías galegas senón un relato sociopolítico apoixonante da Galicia da transición e os primeiros anos noventa.

A serie de televisión, producida por Bambú en 2018, aumentou o interese por este escuro anaco da nosa historia recente e o seu salto á plataforma Netflix acabou de consolidar o “fenómeno Fariña”. Xosé A. Touriñán, quen intrepretou un dos protagonistas da serie, propúxolle a Nacho Carretero levar ás táboas a historia, contala doutro xeito, como só o teatro pode contar. José L. Prieto foi o encargado de adaptar o texto e Tito Asorey, Pedro Ventura na serie de televisión, o director desta montaxe de gran formato.

O 25 de outubro de 2019 estreabamos Fariña, o espectáculo teatral. Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio Zearreta e Cris Iglesias conformaban aquel elenco que encheu o Teatro Colón da Coruña por primeira vez. Logo de xirar por Galicia, no outono de 2020, Fariña saía por primeira vez de Galicia para unha exitosa estancia de máis de seis meses en Madrid. Logo das funcións de Barcelona, comeza unha nova etapa para un espectáculo que colleitaba aplausos e boas críticas alá por onde ía.

En 2021, un novo elenco conformado por Touriñán, Oswaldo Digón, Sergio Zearreta, César Goldi, Marta Lado, Melania Cruz, Graciela Carlos e Borja Fernández arrincaba no Teatro Jovellanos de Xixón unha xira que percorrería gran parte da Península e regresaría a Galicia para encher por segunda vez os teatros das principais vilas e cidades.

Neste último mes do 2022, Fariña rematará esta aventura na que nos levou por máis de sesenta teatros e doce comunidades autónomas; facendo máis de duascentas funcións e preto de 80.000 espectadores nun camiño no que perdemos a conta dos quilómetros que percorremos nos últimos anos levando a historia do narcotráfico en Galicia aos escenarios.

Sergio Zearreta nunha das escenas máis icónicas de Fariña. Foto: Aigi Boga
Artigo anterior
‘Fariña’, ‘Recortes’ e ‘Continente María’ continúan esta fin de semana o seu intenso mes
Artigo seguinte
Celebramos o 2022, a cultura e o bo facer

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Fariña’ viaxa por última vez e pon fin a máis de tres anos de xira