Novas estreas, espectáculos que continúan, viaxes que rematan, un festival, unha revista… e un equipo que día a día traballa por facer as cousas ben. Repasamos un ano de non parar, de seguir creando cultura con agarimo, dende aquí e en galego
Sobre os escenarios pode pasar calquera cousa, e este ano pasaron moitas. A través do teatro María Casares volveu á súa terra natal, levamos investigacións xornalísticas e xogamos ao fútbol sobre as táboas ou incluso subiron a elas expertos xunto a Touriñán para falar de prevención e condutas adictivas. E non só iso, tamén se demostrou que as artes escénicas teñen cabida en calquera sitio imaxinable, entre as letras dunha revista ou nunha parroquia rural como é Castelo, na que os escenarios se montaron nas eiras dos veciños e veciñas que abriron as portas das súas casas.
Neste ano que remata, seguiron xirando espectáculos que xa comezaran anos antes, como Fariña, o espectáculo teatral, que tras volver percorrer Galicia e España chegou aos 80.000 espectadores na súa despedida dos escenarios, ou Somos Criminais 3, unha nova aventura de Touriñán e Carlos Blanco coa que recuperamos a fermosa sensación de ver os teatros cheos.
Este 2022 tamén trouxo dúas grandes estreas: Continente María e Recortes, caneos e outras formas de dribar. Foi na primavera cando a complexa e aplaudidísima actuación de Melania Cruz e a música de Vadim Yukhnevich homenaxeraon á gran María Casares no ano do seu centenario. O espectáculo, ao que aínda lle queda xira por en diante, viaxou a París ao formar parte da programación da Embaixada Española en Francia que celebraba do Ano Internacional María Casares. En Recortes repetiu boa parte do equipo responsable do éxito de Fariña, comezando polo actor e produtor Xosé A. Touriñán, o director Tito Asorey, o guionista José L. Prieto e o xornalista Nacho Carretero, en cuxa investigación sobre o lado máis escuro do fútbol profesional se basea a obra. Non só foi orixinal o que vimos sobre o escenario, tamén todo o que o arrodeou, dende a presentación do espectáculo nun campo de fútbol ata unha estrea no Salón Teatro de Santiago á que asistiron os presidentes dos principais equipos de fútbol galegos.
Tamén comezan novos proxecto, como Códice K, un espectáculo que imaxina, reflexiona e versiona a intrahistoria do famoso roubo do Códice Calixtino. Veremos nesta historia a catro actrices, Graciela Carlos, Patricia Castrillón, Marita Martínez e Lucía Veiga, e tamén á DJ e produtora Russ, a cargo da música.
O ano pasado estrearamos revista, Táboas, e este ano publicamos un segundo número co que levar ao público por outro camiño máis, co que mergullar máis cara ao fondo nas artes escénicas. Nela pódense atopar entrevistas, firmas de opinión e moitas reportaxes. Coñecemos a través desta nova publicación a visión do fútbol de Nacho Carretero, a paixón por María Casares da doutora en Literatura Francesa María Lopo ou o proceso de creación da identidade gráfica do Castelo Conta que desenvolveu Laura Mahía. Todo canto cabe no teatro para velo máis alá do que se ve. A propósito deste traballo de deseño gráfico, o que tamén viu unha nova edición foi o festival celebrado na parroquia culleredesa de Castelo; un regreso tras a pandemia moi agardado e que mereceu a pena por unha semana enteira de intensa programación que vivimos o pasado agosto.
O Castelo Conta é un festival único cunha produción moi particular na que a veciñanza é a verdadeira protagonista, pois naceu das súas vebenas do San Ramón ata converterse no que é agora: “a festa que lle deu a volta á festa”, como ben dixo Xabier Díaz. A esta séptima edición asistiron 10.000 persoas, cun total de 38 eventos programados en seis localizacións diferentes; unha demostración clara de que a tradición oral e a cultura rural teñen unha riqueza e un interese polo que debemos pular e tamén, sobre todo, desfrutar.
Crear cultura, traballar en galego e ter a ansia de facer ben o que facemos. O 2022 foi un ano de novos proxectos e de continuación doutros, de seguir apostando polas nosas artes escénicas para levar ao patio de butacas á xente que sempre lle gustou mais tamén a novos públicos, actores imprescindibles para seguir habitando os teatros. Tamén é a única forma de apoiar e axudar a desenvolver o talento dos profesionais en Galicia, dende os actores atá o equipo de produción ou administración.
Todo isto foi posible grazas ao talento e ao esforzo dun equipo que traballa día a día cun obxectivo moi claro: facer as cousas ben. O repaso deste pasado ano é máis que alegre ao ver todo o ben feito e os bos desexos para este 2023 son para todos, público e profesionais, e para a cultura que creamos en conxunto.