Ainé é a segunda empresa cultural galega -a primeira no ámbito das artes escénicas- coa maior dotación de Fondos Next Generation para a modernización das estruturas de xestión artística. Afrontamos ademais proxectos de innovación e modernización co apoio da Axencia Galega de Innovación e o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital
Mentres actrices, actores e técnicos percorren os principais teatros de Galicia para levar Recortes ou Continente María ao público, o equipo de Ainé traballa durante a semana desde as nosas oficinas na Coruña pensando en como debe ser no futuro unha empresa cultural galega.
O recén rematado 2022 non foi só un ano de estreas, viaxes e aplausos. Presentamos máis dunha decena de proxectos innovadores e transformadores no marco das convocatorias do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a traves do que se vehicula boa parte da dotación de fondos europeos en España.
Fixémolo, en ocasións, da man de Undodez, a nosa produtora irmá no ámbito da produción audiovisual, pero tamén de colaboradores habituais nos nosos proxectos. Tratábase de aproveitar todas as sinerxías froito dun traballo continuado nos últimos sete anos para crear unha estrutura empresarial sólida, co espectador como centro dos nosos esforzos.
Boa parte do traballo nestes proxectos durante o pasado ano pasaron por desenvolver toda unha estratexia de futuro, o proxecto Fiar, co que Ainé recibiu 93.000 € da liña de axudas do Ministerio de Cultura para para a modernización das estruturas de xestión artística. Fomos a segunda empresa cultural de Galicia, e a primeira do sector das artes escénicas, cunha mellor valoración e maior dotación económica.
Fiar é un proxecto transversal a toda a actividade de Ainé, que busca modernizar os procesos da produtora, transformar a nosa forma de traballar, crear emprego de calidade e consolidar o noso público, ademais de ampliar a oferta de contidos culturais relacionados coas nosas producións. Conta con doce liñas de actuación, repartidas en cinco eixos estratéxicos: contidos, produción, coñecemento e talento, comunicación e promoción, e transicion ecolóxica.
Co obxectivo de coidar da calidade dos contidos e dos procesos en todo o noso traballo como empresa cultural, recibimos 20.000 € por parte da Axencia Galega de Innovación, para incorporar o deseño como elemento esencial da nosa estratexia de innovación, na liña de como vimos traballando desde hai anos, no coidado da nosa comunicación interna e externa.
Esta axuda por parte da Xunta de Galicia encádrase nas prioridades estratéxicas da RIS3, a estratexia global de Galicia para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sostible e de calidade a través da innovación.
Ademais, traballamos desde hai varios meses no desenvolvemento dunha ferramenta de monitorización e análise de públicos, que ten por obxectivo coñecer mellor ás persoas que adoitan asistir aos nosos espectáculos. Coa cobertura tecnolóxica de Bjäland Technologies, buscamos contar cunha ferramenta que, a medio prazo, permita integrarse con novos procesos baseados na intelixencia artificial para ser máis eficaces á hora de chegar aos espectadores. Este proxecto conta con financiamento do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
Participamos ademais con Undodez no proxecto Espallar, unha iniciativa que conta con 35.000 € do Ministerio de Cultura a través de axudas para a modernización e innovación das industrias culturais e creativas. A proposta obtivo a maior dotación de entre as produtoras galegas que presentaron proxectos a esta convocatoria.
Espallar busca deseñar os procesos e as ferramentas precisas para a creación de contidos complementarios asociados a cada proxecto da produtora, mellorando así a súa difusión e as estratexias de comunicación asociadas.
Por último, e tamén en colaboración de Undodez, traballamos nun proxecto de dixitalización encadrado no programa InnoCámaras, da Cámara de Comercio da Coruña.
Facer as cousas ben
A estratexia de comunicación de Ainé no final do 2022 apostou pola calidade -“facelo ben”- como eixo de actuación para o novo ano. E é que todos os proxectos xiran ao redor disto. Para reforzar esta intención, neste mesmo mes de xaneiro comezarmos os traballos de implementación dos certificados de calidade ISO 9001, e de xestión medioambiental ISO 14001. Unha medida á que tamén se sumará Undodez.