O ano novo comeza coa función de ‘Recortes’ en Burela chea, antes de continuar a xira por Lugo, Vilagarcía e A Coruña. Despedimos ‘Fariña’ nos últimos días do 2022, mais veñen por diante novos proxectos como ‘Códice K’
Comezamos o ano enchendo a Casa da Cultura de Burela coa primeira función de xaneiro de Recortes, caneos e outras formas de driblar, que se representará aínda co sabor do roscón de Reis na boca, este sábado día 7. Malia que non queden xa butacas libres para esta fin de semana, o espectáculo dirixido por Tito Asorey e protagonizado por Xosé A. Touriñán dará outros sete pases neste primeiro mes do ano, o último desta xira que comezaba o pasado setembro.
O 14 de xaneiro Recortes estará no Auditorio Gustavo Freire de Lugo —onde tamén están a piques de se esgotar as entradas— e o día 21 no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa. Na Coruña están confirmadas catro representacións no Teatro Colón entre os días 27 e 28. As entradas pódense adquirir a través da web do espectáculo, onde tamén se poden atopar os horarios.
Ano novo, proxectos novos
Recortes non será a única peza que veremos neste novo ano, nin moito menos. Do mesmo xeito que despedimos espectáculos, o último foi Fariña que puxo fin a tres anos de xira cunha última función hai apenas unha semana, tamén daremos a benvida a outros que están a piques de nacer. Un adianto disto é Códice K, no cal xa está a traballar o elenco —formado por Graciela Carlos, Patricia Castrillón, Marita Martínez e Lucía Veiga—, o director Tito Asorey, a DJ Russ e todo o resto do equipo.
Estamos a recibir un 2023 ao que lle quedan moitos días por diante para seguir a crear cultura e, sobre todo, para desfrutar dela sentados fronte ao escenario, actuando enriba e traballando detrás del.